A organización de Esquerda Unida anima a veciñanza a participar na concentración contra os recortes no Centro de Saúde de Ponteareas. Chama a partidos, sindicatos e colectivos contrarios ao deterior da sanidade Pública a facer a súa convocatoria
“Logo do anuncio da supresión das consultas ordinarias en horario de tarde entre o 15 de agosto e o 15 de setembro supostamente por falta de persoal para facer substitucións de baixas e vacacións, dende Esquerda Unida facemos un chamamento a participar na concentración convocada para o vindeiro mércores 11 de agosto diante do Centro de Saúde de Ponteareas. As baixas, e dende logo as vacacións, non poden ser escusa para deixar de atender á poboación con normalidade xa que é algo que deberían ter previsto. Se se chega a esta situación é polo deterioro da sanidade e a precariedade laboral á que a Xunta de Galicia ten sometido ao persoal sanitario.
Non debe chamar a engano o feito de que en principio esta medida soamente se tome durante un mes. Esta medida enmárcase dentro dun contexto de deterioro continuado e provocado da sanidade pública, do que os únicos beneficiados son os grupos de sanidade privada. Se os responsables da Xunta de Galicia do PP non ven rexeitamento por parte da poboación a este novo recorte, nada lles impedirá que pase de ser unha medida temporal a unha medida definitiva. De aí a importancia da mobilización.
Ao mesmo tempo, Esquerda Unida fai tamén un chamamento á veciñanza de Ponteareas a organizarse para, máis alá desta medida concreta, loitar contra o deterioro da sanidade pública. De todas depende facerlle saber aos nosos gobernantes que non imos a consentir que se acabe coa sanidade pública. “