Tras dúas reunións mantidas co PSdG-PSOE, os socialistas manteñen o apoio a Eva García de la Torre na Alcaldía, polo que apelan “á responsabilidade da outra parte do goberno municipal”
A agrupación EU Son do Porriño- Son en Común, representadas coas concelleiras Patricía Sio e Blanca Francés urxe un cambio na Alcaldía do Porriño, explicando que “a situación do Concello do Porriño é insostible, non pode seguir na alcaldía quen non respecta os valores democráticos, minte, xestiona irregularmente e non ten un proxecto”. Subliñando que “O apoio de EU Son do Porriño dado na investidura, hai tempo que se retirou”.
Dende o grupo EU Son o enfado é contundente, indicando que “despois de ofrecer a nosa colaboración en dúas reunións coa agrupación local do PSdG- PSOE, todo conclúe coa súa falta de autocrítica e defensa de Eva García de la Torre, como a única cualificada para presidir o Goberno local”. Con esta resposta, o grupo de oposición acorda dar “por rachadas as negociacións coa organización socialista”.
Agardando a reación das outras agrupacións “apelamos á responsabilidade da outra parte do Goberno municipal e convocamos de urxencia ao BNG, con quen xa mantivemos unha xuntanza anterior, para tratar de mudar esta situación”. Conclúe EU Son do Porriño que “A única solución é un cambio na alcaldía e a nosa obriga é posibilitalo. Un relevo pola esquerda depende xa só nestes momentos do BNG. A outra opción pasa por que o PP presente unha moción de censura. EU Son fará o que sexa preciso para que outra persoa asuma a Alcaldía”.