José Docampo 30/07/2021

O primeiro encóntrase na Illa de Sálvora, para proporcionar un lugar seguro de cría e hibernación ás especies vulnerables propias do archipiélago do Parque Nacional das Ilas Atlánticas. Os alumnos do obradoiro de emprego local Mos Peregrino son os impulsores da iniciativa.

O Concello de Mos informa do novo hotel de insectos instalado desde onte na Veigadaña e que é único na Galiza xunto co que existe na Illa de Sálvora.

Este particular hotel forma parte das actuacións que está a desenvolver o alumnado do Obradoiro Municipal de Emprego Mos Peregrino no tramo do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso por Mos. Ademais do hotel de insectos, o Obradoiro realizou tamén na Veigadaña un muro e un área de descanso que están a piques de rematar. Na contorna do Pazo de Mos, na subida do Camiño da Rúa, recuperaron un lavadorio; e ao longo de todo o trazado do Camiño ao seu paso polo municipio instalaron un total de 10 papeleiras e 5 bancos de madeira coa característica flecha amarela emblema do Camiño. Actuacións que seguirán a ser complementadas por outras que se irán desenvolvendo ata que remate o Obradoiro, como unha mellora prevista na zona dos Cabaleiros, parroquia de Mos.

O hotel de insectos mosense foi realizado e instalado polo alumnado pertencente á especialidade de Carpintería do Obradoiro Mos Peregrino. Eles encargáronse de todo o proceso, desde o deseño, elaboración, así como de enchelo co material adecuado para os insectos, e por último da instalación no lugar elixido para iso no proxecto do Obradoiro.

Os hoteis de insectos son estruturas que moitos insectos empregan como refuxio, como as mariquitas, larvas de escaravellos, abellas e vespas solitarias, que os utilizan para construír as celas onde se reproducirán. Estes insectos o que buscan son buracos e galerías, que normalmente realizan en madeira morta, pero ao eliminar esta madeira dos bosques xérase un grave impacto en todas as especies que dependen dela.

Os hoteis de insectos son unha forma de compensar a carencia de ocos naturais achegándoos de forma artificial. O material que se emprega, é material que teña ocos para que poida ser utilizado polas especies, xa que é nos buracos onde se introducen todos os insectos.

No caso do hotel mosense o material usado foron canas, ladrillo, piñas, pico ou arume dos piñeiros, e refugallos reciclados do monte (tronco de piñeiro e ramas). O ladrillo é o material máis utilizado polas abellas, o resto de material utilízase de forma indiferente polo resto de insectos, os buracos non deben ser moi grandes para protexer ás larvas e insectos do interior, dos depredadores naturais. Cos hoteis de insectos preténdese atraer aos insectos beneficiosos para que desenvolvan as súas funcións como organismos auxiliares contra pragas de plantas, ou como axentes de polinización.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad