Laureano Alonso salientou a importancia de que Valença poida formar parte da Rede de Xuderías de Portugal, de tal xeito que o legado xudeu da Eurocidade, forme parte da promoción turística
Coma membro da Red de Juderías de España, Tui foi unha das cidades participantes no encontro entre as redes de xuderías de España e Portugal, que na fin de semana se celebrou na localidade portuguesa de Castelo de Vide.
No encontro participou a xerente da Red de Juderías de España, Marta Puig, o presidente da Cámara de Castelo de Vide e vicepresidente da Rede de Judiarias de Portugal, así coma representantes institucionais de Tui, Cáceres, ou Bragança, o embaixador de Israel en Portugal, a secretaria xeral e o director executivo da AEPJ, Asociación Europea para a Preservación e Difusión da Cultura e o Patrimonio Xudeu, entre outros.
O Concello de Tui estivo representado polo concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, quen valorou positivamente a participación neste encontro xa que por unha banda permitiu dar a coñecer o legado xudeu de Tui, con especial atención aos Sambenitos, e establecer importantes contactos.
Entre as propostas suxeridas nos relatorios realizados ao longo da fin de semana Laureano Alonso destacou a creación de catro rutas pola Península Ibérica. Indicaba que “Tui sería o eixo vertebrador da Ruta do Norte que partiría de León, Monforte, Ribadavia e Tui para continuar cara ao sur por Portugal”. Explicaba que “a idea é facer un itinerario” no que Tui sería o punto de entrada a Portugal. Nesa situación estratéxica salientou tamén a importancia de que Valença, poida formar parte da Rede de Xuderías de Portugal de tal xeito que, o legado xudeu da Eurocidade sexa un elemento máis na promoción turística e cultural dos dous municipios.
Os Sambenitos, pezas únicas que se conservan en Tui, centraron parte da poñencia do profesor da Universidade de Lisboa, Jorge Martíns, e suscitaron o interese de Alan Schneider, director del Centro Mundial de B’naiB’rith en Jerusalén.
Por outra banda, Laureano Alonso destacou coma o legado xudeu de Tui está sendo un polo de atracción máis para os visitantes que este verán se achegan ata cidade, sinalando coma exemplo un grupo de Toledo “interesado en coñecer o legado xudeu de Tui”.
Cómpre lembrar que Tui conta cunha Ruta Xudía que se pode seguir de forma auto guiada a través da sinalización ubicada na cidade histórica e dos código QR situados nos distintos sinais. Tamén na Oficina de Turismo, situada na praza de San Fernando, están a dispor dos visitantes folletos turísticos desta ruta. O percorrido inclúe lugares coma a Sinagoga, o Museo Diocesano onde se gardan os Sambenitos, o Claustro da Catedral onde hai unha menorá gravada na pedra, ou a Casa de Salomón.