Estas obras de máis de 40.000 € son asumidas na súa totalidade polo Concello de Salceda
Nestes días darán comezo en Salceda as obras de cambio de tella do CDL O Torrón, en Entenza; un centro adicado á promoción económica, emprego e formación.
Os traballos consisten na desmontaxe da tella cerámica, cumbreiras, limas, brocas e demais puntos singulares da cuberta; e a nova cuberta será de tella cerámica curva envellecida 40 x15 cm, en dúas fases. Instalarase tamén un sistema de recollida de augas pluviais nos beirados da cuberta.
O proxecto ascende a 39.984 € máis IVE que asumirá o concello con fondos propios, con cargo ao orzamento municipal, dentro do plan de mantemento e conservación de edificios municipais.
Proximamente tamén se farán investimentos nos sistemas informáticos do centro coa montaxe dun servidor.
Esta obra de mellora súmase á instalación do sistema de climatización en todas as estancias do centro, que na actualidade conta con distintas aulas: unha polivalente, aula de informática, aula de cociña e de ebanistería; así como despachos de emprendedores, salas de xuntas e salón de actos.
O CDL O Torrón acolle ademais o servizo de orientación laboral, con dúas persoas e un técnico de emprego. Ao longo destes últimos tempos desenvolvéronse varios cursos de formación como atención sociosanitaria ou operario/a de automoción, ademais dun programa integrado de emprego con 100 persoas desempregadas e cursos de formación da Aula Mentor.
A alcaldesa e responsable da área de Emprego e Formación, Verónica Tourón, indicou “estamos a facer investimentos importantes neste centro de desenvolvemento local, que acolle o servizo municipal de promoción económica que xa é referente na comarca. Un servizo prioritario que atende máis de 2000 consultas anuais”.