Este ano tamén finalizou 3º no Campionato Galego e previamente foi 4 veces Campión Galego, 2 veces Subcampión de España e 1 vez 3º no Campionato de España.
Representantes municipais de Mos recibiron esta tarde no Concello, para homenaxealo, ao vixente Campión de España de + Enduro Master 50. O Campionato nacional disputouse o pasado 6 de xuño en Mugardos e Carlos Táboas erixiuse gañador. Tamén este ano quedou 3º no Campionato Galego de + Enduro Master 50.
Carlos José Táboas Pazo, “Peri”, de 56 anos, é veciño da parroquia de Sanguiñeda e dedícase profesionalmente á carpintería de cociñas. Rexenta a empresa unha empresa familiar, seguindo o legado do seu pai e dos seus avós e bisavós.
A súa traxectoria deportiva comezou desde neno, con 12 anos, no Club Ciclista Spol do Porriño, logrando ser varias veces Campión Galego nas categorías de Cadetes e Xuvenís. Corría nas modalidades de ‘carretera’ e ‘ciclocross’. Con 16 anos foi aos Mundiais de Ciclocross en Francia e Inglaterra, quedando no 11º lugar neste último país na clasificación xeral.
Continuou coa bicicleta ata os 20 anos, idade na que a deixou polos rallyes. Competiu en rallyes 10 anos sendo Campión Galego de Grupo A e da Copa AX. Tamén foi 3º no Campionato de España AX, e na Copa Hwundai, ademais de Supcampión de España.
Posteriormente deixou de competir durante un tempo e aos 50 anos, por un problema de saúde relacionado coa tensión, retomou a bici e voltou á competición en + Enduro Master 50. Ademais dos títulos logrados este ano, 1º de España e 3º de Galicia, ten un amplo palmarés: catro veces Campión Galego de + Enduro Master 50, dúas veces Subcampión de España de + Enduro Master 50; e unha vez 3º no Campionato de España de + Enduro Master 50.