Proxéctanse seis películas de cinema no Paseo Fluvial. Actuará Ana Belén Rodríguez Trío e Nova Galega de Danza. Na ribeira de Caldelas representarase a “A contenda do Miño”
Seis festivais, cinema, música, teatro e danza conforman a programación cultural que este verán se poderá gozar en Tui. Co lema “Saímos con sentidiño” dende o próximo martes 13 de xullo e até finais de setembro poderemos gozar dunha oferta cultural diversa, variada, e internacional con todas as medidas de seguridade. Vén recollida nun novo número da Axenda Cultural Corredoira da que se editan 12 mil exemplares. Está xa accesible en www.tui.gal.
A presentación tivo lugar esta mañá no cárcere vello a cargo de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura de Tui; Mario Rui Oliveira, vereador de Cultura de Valença; Samuel Diz, de Música no Claustro; Andrea González do IKFEM; Andrea Costa, de Arraianos; Ana Rodríguez do MUMI, e Ángel Sánchez de Play Doc.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, abriu a súa intervención amosando a súa satisfacción pola presentación desta “programación cultural moi ambiciosa” nun momento no que “necesitamos recuperar canto antes a normalidade cultural, promover actuacións do ámbito cultura, porque a cultura non é so un elemento de dinamización social senón tamén económica”. Salientaba que o “compromiso das institucións coa cultura é inequívoco”, en referencia ao Concello de Tui e á Cámara de Valença. Quixo tamén o rexedor tudense enviar unha mensaxe de optimismo afirmando que “superado este difícil momento o mundo da cultura volverá recuperar o esplendor que sempre tivo”.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, lembrou na súa intervención o éxito acadado o verán pasado na programación cultural xa con todas as medidas de seguridade establecidas, que marcarán tamén os eventos previstos nos próximos meses. Salientou a concelleira de Cultura as actividades conxuntas previstas con Valença froito do intenso traballo realizado nos últimos meses. Tamén se referiu a outras propostas coma o cinema que volverá a “un escenario único” coma é o paseo fluvial, o espectáculo “Leira” de Nova Galega de Danza nominada a 7 Premios Max, o concerto de Ana Belén Rodríguez Trío, e a representación de “A contenda do río Miño” na ribeira de Caldelas con capacidade para 600 persoas que será dicía “a representación teatral máis importante e interesante da contorna” nunha produción da Companhia de Teatro de Braga e do Centro Dramático Galego.
Referiuse tamén aos festivais que se van celebrar na cidade parte deles xa afianzados coma Música no Claustro, IKFEM, Arraianos e Play Doc, e outros novidosos coma os de Artesd e Rúa e o MUMI.
O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, destacou a “excelente calidade” da programación presentada esta mañá en Tui referíndose tamén ao “verán moi rico en actividades” que terán en Valença. E salientou o Festival Internacional de Artes de Rúa que neste primeiro ano brindará 12 espectáculos e 6 pasarrúas para público familiar na Eurocidade Tui-Valença entre o 23 e 25 de xullo.
Do 1 ao 7 de agosto celebrarase Música no Claustro, Festival de Música, Patrimonio e Creación, que se desenvolverá na Catedral. O seu director Samuel Diz expuxo que “chegamos a edición número quince con toda a ilusión, enerxía e retos de dinamizar, de investigar, de coñecer e de facer noso o noso patrimonio”. Salientaba coma novidade o Foro Profesional de Instrumentos Musicais, único en España dedicado ás profesións vinculadas aos instrumentos musicais. Tamén destacaba a aposta por distintas residencias artísticas que crearán proxectos propios ex profeso para o festival.
Andrea González, directora do IKFEM, Festival de Instrumentos de Tecla da Eurocidade, salientou coma o festival que do 18 ao 22 de agosto celebrará a súa novena edición “creando unha programación que pretende simbolizar que non existen fronteiras, somos unha cultura única, moi variada, … e estamos nun espazo que simboliza precisamente esa unión de culturas”. O próximo luns presentarán o programa ao completo do que destacou será “moi ecléctico, moi variado en estilos musicais e aberto a todo o público”.
O festival Arraianos celebrará unha edición especial Xacobeo do 27 de agosto ao 5 de setembro “cunha estrutura cambiada” edición distinta coma explicaba a súa directora Andrea Costa. Avanzaba así que “as actividades cobran un papel esencial” fomentando a economía no sector da restauración do comercio local” con cheques regalo e un premio e até mil euros para consumir en Tui.
A Eurocidade Tui-Valença acollerá o I Encontro Profesional da Musica Galego Portuguesa, MUMI, co que crearán “unha sinerxia entre o que é a música galega e portuguesa” segundo Ana Rodríguez do MUMI. O 9, 10 e 11 de setembro presentaranse distintas bandas galegas e portuguesas, haberá actividades na rúa e mesas redondas nas que abordarán distintos temas que “fagan que teñamos unha industria cultural máis forte”.
Ángel Sánchez, codirector de Play Doc abriu a súa intervención destacando o “crisol de diversidade” nos proxectos presentes nesta programación. Destacou a ilusión coa que dende o festival afrontan este “ano de transición” no que van celebrar a 17ª edición de Play Doc do 22 ao 26 de setembro “coa esperanza de que o ano poidamos retornar á primavera”. Recuperarán o espírito que inicialmente tiña o festival co carácter internacional con convidados, crítica e retrospectivas internacionais. Tamén repetirán a “hibridación do festival” coa dixitalización de certos contidos, coma fixeron o ano pasado a través de Filmin. Tamén volverán explorar diferentes espazos de Tui a través das ferramentas audiovisual, e mergullaranse de novo no arquivo fílmico local, coa relectura do mesmo propondo traballar sobre o mesmo a distintos artistas. A formación estará tamén presente nas actividades paralelas en versión presencial e en liña.
Programación
O Paseo Fluvial acollerá ás seis proxeccións de cinema previstas con capacidade para 300 espectadores, que poderán reservar a súa entrada, dende o luns da semana da proxección, en www.tui.gal, cun máximo 3 entradas por persoa. No mes de xullo as proxección será ás 22.30 h, o martes 13 poderase ver “Zog y los doctores voladores”, o mércores, 14 de xullo, “El viaje de Chihiro”´e o xoves “Stand by me”. Xa en agosto a cita será ás 22 h o martes 10 con “Los Goonies”, o mércores 11 con “Fiebre del sábado noche” e o xoves 12 “Abominable”.
A praza de San Fernando acollerá o venres, 16 de xullo, ás 22 h o concerto de Ana Belén Rodríguez Trío dentro do programa “Música no ar” da Deputación, o venres, 13 de agosto, ás 21 h a Nova Galega de Danza co espectáculo “Leira” ao abeiro de “Propulsa” da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Haberá capacidade para 120 espectadores que deberán reservar previamente a praza en www.tui.gal dende o luns da semana do espectáculo.
A ribeira de Caldelas acollerá o venres, 27 de agosto, ás 22 h a representación de “A contenda dos labradores de Caldelas ou entremés famoso sobre a pesca”. Trátase unha produción da Companhia de Teatro de Braga e o Centro Dramático Galego para o Festival de Almagro, coa que se conmemora o 350 aniversario desta peza teatral que foi o primeiro texto dramático escrito en lingua galega.