Sabela Landín 06/07/2021
Pasaporte Condado Paradanta

A credencial, que ofrece unha selección de 24 propostas turísticas e gastronómicas exclusivas na comarca, pode solicitarse nas oficinas de turismo, museos e nas empresas participantes do proxecto

Telo supón desfrutar de vantaxes especiais, ademais da oportunidade de entrar no sorteo de produtos e servizos locais

Usuario da comarca do Condado Paradanta, ben sexa veciño ou turista asiduo, ese é o perfil da persoa á que vai dirixido o “Pasaporte ao Condado Paradanta” (PCP). Trátase dunha iniciativa singular é única en Galicia promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta, que permite acceder a unha coidada selección de 24 propostas exclusivas en empresas turísticas da zona. Deste xeito, esta credencial permite obter unha serie de vantaxes para aqueles que opten por aloxarse en determinados hoteis ou casas rurais da comarca, gozar da gastronomía e dos deliciosos viños da zona, coñecer fermosos recunchos da man de guías con gran experiencia, mercar produtos de calidade ou achegárense ao patrimonio cultural dos dez concellos (Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas) que integran o GDR.

As primeiras mil unidades deste pasaporte xa están en distribución e poden adquirirse, de xeito totalmente gratuíto, en calquera das 24 empresas participantes no proxecto, que son as que ofertan as 24 propostas turísticas e que están identificadas como tal, e tamén nas oficinas de turismo dos dez concellos, así como nos museos da Ciencia do Viño de Salvaterra, no Arabo en Arbo e no municipal de Ponteareas.

A iniciativa ten como misión atraer e fidelizar tanto a chegada de persoas de fóra á comarca como manter como clientes os propios veciños.

Como funciona?

  1. Completar o formulario cos datos de cadaquén e a enquisa de validación do PCP que se atopa na páxina web do gdr (https://gdrcp.typeform.com/to/ktL6hoqm). Unha vez recibido o correo electrónico de confirmación pódese empezar a usar xa o pasaporte.
  2. Escoller as experiencias que a un máis lle gusten e gozar delas con quen queira e cantas veces queira.
  3. Cada vez que se use o PCP, lembrar que deben selar o recadro correspondente. Se se quere repetir algunha experiencia, selarase un novo recadro. Ademais, deberase completar unha pequena enquisa, seguindo o código QR en cada experiencia.

A vixencia deste pasaporte e das ofertas que inclúe remata o 31 de decembro do 2021. Na web https://www.gdrcondadoparadanta.gal/xeodestino/pasaporte-ao-condado-paradanta/ pódese consultar cada unha das 24 experiencias ademais de toda a información respecto deste proxecto

Sorteos

Para participar nos sorteos é preciso completar un número determinado de selos que acrediten ter desfrutado das distintas experiencias, enviar unha foto da folla de datos debidamente cuberta e as fotos das follas de selos ao número de WhatsApp 986663329.

Os premios distribúense en función do número de selos, podendo optar a:

4 selos: un lote de produtos do Condado Paradanta.

8 selos: unha comida ou cea para dúas persoas.

12 selos: unha comida ou cea para dúas persoas + actividade.

16 selos: comida + actividade + cea + unha noite de aloxamento para dúas persoas.

17 ou máis selos: unha estadía dunha fin de semana (dúas noites) con aloxamento, manutención e actividades guiadas.

Ademais, outorgarase un premio á difusión, consistente nun lote de produtos do Condado Paradanta, para a persoa que acade a maior repercusión en redes sociais, Facebook e Instagram, dunha fotografía da súa participación nunha das propostas do PCP. Para isto, contabilizaranse o número de gústame ou likes conseguidos en cada unha das rondas de concurso.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad