Sthela Táboas 05/07/2021

No curso  “O silencio social, gran cómplice do machismo” a presidenta da Deputación chamou a impulsar  “un novo modelo de xestión que integre a igualdade de xeito transversal para construír unha sociedade máis xusta” reivindicando a necesidade de situra a axenda feminista no centro do debate público e da acción política

Ante un auditorio virtual e presencial de máis de medio centenar de persoas e a presenza do director do Campus Noroeste da UNED, Víctor González, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, impartiu esta tarde a ponencia inaugural do curso “O silencio social, gran cómplice do machismo” desenvolvido baixo a coordinación de Jesús Pozo e a dirección de María Acracia Núñez. Co título “A axenda feminista pendente” Carmela Silva reivindicou a necesidade de poñer “no centro do debate público e da acción política a Axenda Feminista para conseguir avances concretos e impulsar un novo modelo de xestión que integre a igualdade de xeito transversal para construír unha sociedade máis xusta, rachando coas desigualdades e violencias que seguimos a padecer as mulleres polo mero feito de selo”.

A presidencia provincial comezou a súa intervención afondando nas razóns que fan necesaria e emerxente a Axenda Feminista a través dos “datos da desigualdade” que amosan “con claridade a discriminación e múltiples violencias machistas que sufrimos as mulleres”. Remarcou que estamos nunha situación de “emerxencia feminista” e fixo un relatorio pormenorizado dos fitos da Axenda entre os que situou ás violencias machistas así como a reivindicación dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a abolición da prostitución e a loita contra a explotación sexual e reprodutiva de mulleres e nenas, a reivindicación da importancia dos coidados e a promoción da corresponsabilidade, a loita contra a hipersexualización e cousificación do corpo das nenas e mulleres, a feminización da pobreza, a precariedade laboral que sofren as mulleres, a fenda salarial, o teito de cristal e os chans pegañentos, a visibilización da contribución das mulleres ao desenvolvemento da humanidade, a necesidade de ocupar o espazo público e a importancia de garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para promover oportunidades de aprendizaxe para todas as persoas. 

A presidenta da Deputación, que acompañou os fitos da Axenda Feminista de datos clave que poñen de relevancia o papel que ocupan as mulleres en diferentes ámbitos e de vídeos con contidos relacionados cos datos mencionados, detallou tamén as actividades que a Deputación de Pontevedra está a poñer en marcha para reivindicar a igualdade, visibilizar ás mulleres e rachar contra as violencias machistas como “Mulleres en acción. Violencia Zero”; a programación da Escola de Igualdade María Vinyals; os programas “Inspira STEAM”, “Conectadas”, “Descúbreas”, “Depomar”, “Cinema e muller”, “Mulleres no foco”, “365 días, 365 mulleres” ou “A maleta dos océanos”; as campañas igualitarias de xogo igualitario, inclusivo e non violento, de visibilización de mulleres produtoras (“Elixe igualdade”), de visibilización de mulleres deportistas (“A realidade das mulleres deportistas”) ou de fomento da corresponsabilidade (“Súmate ao cambio”); os premios “GirlGeekCovid” e Sofía Novoa; as exposicións “Rompe. Xoga en Igualdade”, “Sempre marzo”, “Con A de astrónomas” ou ““Materiais para pensar, desfrutar e profanar. Obra plástica de María Xosé Queizán”; o catálogo “Mulleres do silencio”; o foro “As mulleres que opinan son perigosas” ou a Cátedra de Feminismos 4.0 que a institución impulsa coa Universidade de Vigo.

“As discriminacións das mulleres existen, os datos son irrefutables, dixo, pero tamén é certo que hai accións, políticas, decisións e actitudes que a sociedade e as administracións públicas deben tomar para correxilas”.

Trala intervención de Carmela Silva, que rematou co vídeo “Matriarcas” de Guadi Galego, na versión das nenas e mulleres das escolas de música participantes na plataforma “Descúbreas”, a directora do curso e profesora Titular de Dereito Constitucional da UNED, María Acracia Núñez, impartiu a conferencia “Evolución do papel da muller na educación española” (19.00 a 21.00 h). Mañá martes terán lugar no marco do curso outras catro conferencias a cargo de Encarnación Orozco, exdelegada especial do Goberno contra a Violencia de Xénero e Ex Directora do Gabinete da Ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social quen afondará en “De onde vimos e onde estamos: o percorrido da Lei contra a violencia de xénero” (10.00 a 12.00 h); de Mercedes Fernández, profesora de Antropoloxía da Universidade de Barcelona quen se centrará en “ Para crear o novo” (12.00-14:00 h); de Lola Álvarez, xornalista, ex directora da Axencia EFE e profesora titular da Universidade Loyola, que falará sobre “A infoxicación do feminismo?” (17.00-19.00 h); e a e o xornalistas Yolanda Cruz e Jesús Pozo, que afondarán no “Cine na educación para a igualdade. A experiencia do Festival Visualízame. Con proxección de curtas” (19.00 a 21.00 h). 

O curso “O silencio social, gran cómplice do machismo” pecharase o mércores coas xornalistas Nieves Concostrina e Joana Pardos que darán a coñecer “A experiencia do formato Pioneiras” (9.00 a 11.00 h), e coa mesa redonda “El silencio social, principal cómplice do machismo” na que intervirán Lola Álvarez, Nieves Concostrina, Yolanda Cruz e Jesús Pozo (11.00 a 13.00 h).

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad