José Docampo 04/07/2021

O programa é impulsado desde 2016 pola asociación de empresarios de Mos, cun financiamento público que chega aos 360.000 euros aportados pola Xunta, “a través da liña de axudas destinada ás entidades sen ánimo de lucro”. Desde o seu inicio, 40 mulleres (25 % das usuarias) “atoparon un emprego”.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta semana en Mos na clausura do programa Insere Activa 5, que desenvolve a asociación de empresarios de Mos -Aemos- para a inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero. A iniciativa conta co apoio económico da Xunta “a través da liña de axudas destinada ás entidades sen ánimo de lucro” para a realización de iniciativas encamiñadas a favorecer a integración laboral destas mulleres.

Desde 2016, un total de 159 mulleres participaron en Insere Activa 5 das que un 25% (40) atoparon un emprego. A Xunta apoiou desde entón a Aemos con 360.000 euros para a posta en marcha desta acción. O programa aposta pola atención e a formación telemática, acompañado co reforzo na aprendizaxe do manexo das novas ferramentas telemáticas, non só como adaptación ás circunstancias provocadas pola covid-19, senón tamén como unha vía de actualización de cara a familiarizarse cos numerosos procesos administrativos da vida cotiá que poden realizarse co dominio destas ferramentas, facilitando moitos trámites e acortando prazos na súa execución.

Na clausura da edición 2020-2021 desta actuación, na que se entregaron os diplomas ás participantes, López Abella agradeceu ás alumnas a súa participación nesta iniciativa e animoullas a seguir formándose para incrementar as súas oportunidades laborais.

A secretaria xeral, así mesmo, informou de que este mes de xullo convocarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria das axudas destinadas ás entidades sen ánimo de lucro para a integración laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero. A Consellería de Emprego e Igualdade destinará este ano 680.000 euros a este programa.

Os apoios, que inclúen unha contía máxima de 100.000 euros por entidade (de media en cada edición deste programa soen ser beneficiarias unhas dez entidades), van dirixidos á posta en marcha por parte das entidades sen ánimo de lucro de itinerarios de inserción que inclúan un plan de acción personalizado para a busca de emprego, orientación profesional e asesoramento laboral, así como un acompañamento na busca activa de traballo e outras accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral.

Tamén fináncianse “iniciativas de formación para o emprego co fin de formar e capacitar ás mulleres para o seu acceso ao mercado de traballo, así como actuacións de apoio á conciliación dirixidas a facilitar a participación das mulleres nas accións establecidas no seu itinerario de inserción sociolaboral e na formación para o emprego”. A Xunta, ademais, inclúe neste programa de axudas bolsas específicas para compensar determinados gastos nos que se poidan incorrer por participar no programa e que incentive a súa participación no mesmo.

A orde de axudas establece a obriga de acadar un mínimo do 10% de inserción laboral das participantes na iniciativa. Esta medida que impulsa a Consellería de Emprego e Igualdade enmárcase nas accións incluídas por Galicia no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. López Abella tamén expuxo que a Xunta conta con outras accións dirixidas a favorecer a integración laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, como é a convocatoria de axudas publicada o pasado mes de xaneiro destinada ás entidades locais para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero. Esta iniciativa, que conta este ano cun orzamento de 1,4 millóns de euros, convocouse por primeira vez en 2019 e desde entón un total de 135 mulleres acadaron un contrato de traballo. Na edición de 2021, contratáronse a 63 mulleres en 30 concellos galegos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad