José Docampo 03/07/2021

Esta semana deu comezo a primeira quenda correspondente a este mes de xullo, pero o programa de
conciliación Mañas de Verán arracou o pasado 23 de xuño, no colexio de Castro-Mos.

A alcaldesa de Mos e a concelleira de educación visitaron a primeira hora da mañá de onte aos cativos de 3 a 12 anos de idade que están a participar no campamento estival matinal “Mañás de verán”, impartido no CEIP Mestre Martinez Alonso de Castro-Mos de luns a venres en horario de 9 a 14:30 horas.

Nesta primeira quenda que vai dende hoxe ata o vindeiro 15 de xullo, están a participar un total de de 58 nenos e nenas e para as tres seguintes quendas aínda hai prazas libres. Este ano a empresa que desenvolve todas as actividades é Grupo Koremi que conta con amplia experiencia en actividades de lecer e tempo libre. “Mañás de verán” é unha experiencia que fai que os nenos e nenas se divirtan, aprendan a relacionarse, compartan actividades e sobre todo vivirán novas e enriquecedoras experiencias.

Nesta primeira quenda ten a temática de “ A historia de Mos e o seu entorno” onde os participantes a través dos xogos coñecerán a historia do noso municipio. A súa bandeira, a festa da Rosa, o Dolmen, a Penacova, etc. Ademais de utilizar as instalacións do colexio Castro-Mos os pequenos tamén realizarán diversas saídas entre as que se atoparán a visita ao Parque da Auga de Pesqueiras, o Sendeiro Ecolóxico do Río Louro e o Pazo de Mos.

Como en anos anteriores, bríndanse actividades únicas para a educación cognitiva, social e afectiva dos participantes, cunha organización responsable, coherente e profesional, garantindo a harmonía, a convivencia, a alegría e o benestar de todos

Con esta iniciativa, “a administración local mosense ofrece unha ferramenta de conciliación entre a vida laboral e familiar para os habitantes do Concello, de xeito que nesta época estival os rapaces e rapazas poidan gozar dun ocio saudable e de calidade dirixido a través de prácticas educativas”, tal como explicaron as representantes municipais Arévalo e Loureiro. Os obxectivos destes campamentos son facilitar a conciliación da vida laboral e familiar
no período de vacacións escolares, promover a calidade de vida dos nenos e nenas de Mos e das súas familias, potenciar a educación en valores e hábitos saudables, favorecer o coñecemento da diversidade e riqueza natural do entorno e facer deste proxecto unha experiencia divertida e inesquecible para os rapaces e rapazas do Concello.

O custo do campamento por quenda é de 85 €, contemplándose descontos a partir do segundo irmá. Ademais do servizo de campamento existe a posibilidade de contratar os servizos de Aula Matinal e servizo de fiambreira cun custe adicional para as familias que precisen deixalos antes das 9 h e quedarse ata ás 3.15 h .

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad