O grupo de esquerda tamén reclama os orzamentos e o PXOM no seguinte comunicado
“A alcaldesa do Porriño non ten intención de aclarar o acontecido o 16 de maio coa detención por un dos axentes da policía municipal de paisano dun veciño. O noso grupo preguntou no Pleno de onte, 30 de xuño, sobre os pasos dados ao respecto. Unha vez máis falta á verdade e, alegando unha grande carga de traballo, admite que aínda non fixo nada neste asunto”.
“Non pode haber nestes momentos no Porriño nada que urxa máis aclarar que este, un presunto abuso de autoridade ou presunta detención ilegal”.
“Di que o tema está nos xulgados, que hai versións contrapostas, que se está a poñer en entredito á policía local. Eva García de la Torre, como ten por costume, minte. Quere tapar o asunto porque é totalmente inverosímil que nun mes non tivera tempo de nomear un instrutor/ra. Ábrase o expediente e aclárese todo para que deixe de enlamarse a reputación do corpo. Os problemas non desaparecen, os problemas admítense, afróntanse e actúase en consecuencia. De que ten medo ou a quén ten medo?”.
“Tampouco tivo tempo de asistir, ou designar representante, ao 3º Taller rexional de partes interesadas do proxecto europeo Lindanet Interreg (telemático). O certo é que o Concello do Porriño nunca está presente. No Pleno non foi quen de dar unha explicación. Esqueceulle di, isto pasa porque a importancia que dá ao problema do lindano é cero e sempre busca calquera escusa para xustificar a súa nula capacidade de xestión”.
“E os orzamentos? Estamos xa en xullo e non se moveu un papel. E o PXOM?…”