Contra o criterio do informe técnico, o Pleno de Mos acorda outorgar a COREGAL e a Comunidade de Montes de Torroso bonificacións do 95 % sobre del ICIO por concorreren circustancias de interese social nas obras proxectadas por estas entidades.
O Pleno de Mos celebrado esta segunda feira acordou cos votos a favor do PP e os voceiros non adscritos, Verónica Costas e Román García, aprobar unha bonificación do ICIO para as obras de COREGAL (COGAMI Reciclados de Galicia, S. L.) e a Comunidade de Montes de Torroso.
En favor desta última, a bonificación do 95 por cento alcanza os 20.098 euros, por tratarse dunha obra, o futuro Centro Social para maiores, declarada de especial interese municipal por concorrer circunstancias sociais por apreciación do Pleno. A bonificación do 95 por cento, en total 83.659 euros, a favor de COREGAL dáse para a implantación dunha nova planta de xestión de residuos non perigosos no Parque Empresarial de Mos “A Veigadaña”, con “obxecto social de dar e manter emprego a persoas con discapacidade”.
PSdeG, GañaMós e BNG, se ben recoñecen o interese social dos proxectos, abstivéronse na votación para denunciar a xestión do goberno local e reclamar unha modificación do regulamento deste tipo de bonificacións no sentido que informaron os técnicos municipais sobre estes casos. Tesourería mostrouse desfavorábel á concesión ao non terse cumprido os prazos e por non encontrar respaldo xurídico na ordenanza vixente.
En concreto, tal como se indicou durante o pleno, o informe sinala que a concesión destas bonificacións solicitadas fóra de prazo podería ter repercusións para as contas municipais. Ademais, Tesourería acha necesario reformar previamente a ordenanza municipal reguladora desta taxa para que se estabelezan criterios de apreciación do interese social afin de evitar unha excesiva discrecionalidade na concesión destas bonificacións.
O representante do BNG, Gustavo Barcia, propuxo actuar na liña expresada por Tesourería e, como mínimo, trasladar as disposicións do regulamento do IBI relativas a esta materia, de maneira que se dote de maior seguridade xurídica a estes procedimentos. PSdeG, GañaMós e o voceiro non adscrito de Podemos Román García, pediron tamén unha actualización da ordenanza, se ben este último deu o seu voto a favor.