Sabela Landín 28/06/2021
Centro de Saúde Soutomaior
  • Administración autonómica e local asinaron en marzo un protocolo de colaboración para executar esta infraestrutura sanitaria cerca do núcleo urbano de Arcade
  • A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático descarta someter o plan a avaliación ordinaria ao non prever efectos ambientais significativos

A Xunta de Galicia acaba de formular o informe ambiental estratéxico sobre o Plan especial de equipamentos e dotacións (PEID) promovido polo Concello de Soutomaior para a implantación dun novo centro de saúde no municipio. Con este trámite dáse por finalizada a tramitación ambiental do devandito plan e poderá seguir avanzándose de cara á súa aprobación definitiva.

Cómpre lembrar que o pasado mes de marzo a Xunta e mais o Concello de Soutomaior subscribiron un protocolo de colaboración para a execución das obras dun novo centro de saúde de máis de 1.500 m2, que substituirá ao que actualmente dá servizo ao municipio e posibilitará unha atención integral a máis de 5.600 pacientes.

O Goberno galego comprometeuse a asumir a construción da instalación unha vez que o Concello remate cos trámites urbanísticos para poder cederlle a parcela que albergará o futuro edificio. Os terreos están en solo rústico, nunha zona próxima ao núcleo urbano de Arcade, motivo polo que o Concello promoveu o devandito PEID, co que se pretende regular a implantación do futuro equipamento sanitario na parcela escollida.

Tras analizar o contido do plan, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático acaba de formular o seu Informe ambiental estratéxico no que conclúe que non se prevén efectos ambientais significativos e, polo tanto, descarta sometelo ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Dáse por rematada así a tramitación ambiental por parte da Xunta do Plan especial de equipamentos e dotacións para a implantación dun centro de saúde en Soutomaior, de xeito que o Goberno local poderá seguir avanzando na tramitación urbanística necesaria para cederlle á Consellería de Sanidade os terreos nos que se localizará o novo edificio.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad