José Docampo 25/06/2021

As tres forzas van propoñer que o texto sexa lido, antes do inicio da sesión, como declaración institucional da corporación. O documento recolle unha condena explícita dos delitos de odio por motivos de orientación sexual e reivindica a diversidade familiar.

O próximo luns, 28 de xuño, é o Día Internacional do Orgullo LGBTI, unha conmemoración que este ano coincide coa celebración do pleno mensual ordinario do Concello de Mos. Por este motivo, os tres grupos municipais da oposición, BNG, GañaMós e PSdeG, presentaron conxuntamente unha proposta de declaración institucional de apoio aos dereitos LGTBI e en contra da discriminación por orientación sexual ou identidade de xénero. As tres formacións políticas confían en que o texto reciba o apoio unánime de toda a corporación para ser lido antes do inicio da sesión.

O portavoz do BNG no Concello, Gustavo Barcia, lembra que “o Día do Orgullo non é só un día de celebración para o colectivo LGTBI, senón tamén unha xornada para reivindicar a dignidade de todas as persoas na súa pluralidade e diversidade”. O texto remitido á corporación pon de manifesto a necesidade de que as institucións públicas defendan “o dereito de toda a cidadanía a vivir unha vida plena, sen atopar no camiño ningún tipo de obstáculo na igualdade de trato e de oportunidades, discriminación ou impedimento para a autodeterminación persoal”. Do mesmo modo, recóllese unha condena explícita dos delitos de odio, “unha agresividade explícita á que hai que sumar unha violencia invisible que xera rexeitamento e medo”.

Gustavo Barcia sinala que “aínda queda moito camiño por percorrer” nun momento en que paises da chamada Europa democrática, como Polonia ou Hungría, están a aprobar leis para criminalizar e perseguir ao colectivo LGTBI. “Non é preciso saír do Estado Español, onde practicamente a diario coñecemos noticias de ataques homofóbicos”, indica o concelleiro, que lamenta que haxa “partidos como Vox, que dende as tribunas dos parlamentos lanzan mensaxes de odio e todo iso co silencio cómplice do Partido Popular”. Ante o discurso intolerante da extrema dereita, o BNG reafirma e reforza o seu compromiso coa igualdade e a diversidade “sen dar un paso atrás”. Tal como indica Barcia, “para facer fronte ao seu odio, nós poñeremos dignidade, respecto e confraternidade”.

Eis o texto da moción:

“Con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI que se conmemora anualmente o 28 de xuño, dende as institucións públicas debemos reafirmar o dereito de todo cidadán a vivir unha vida plena, sen atopar no camiño ningún tipo de obstáculo na igualdade de trato e de oportunidades, discriminación ou impedimento para a autodeterminación persoal.

O ano 1969 foi o punto de inflexión para as persoas que defendían os dereitos de gais, lesbianas e transexuais debido a uns enfrontamentos iniciados nun bar en Nueva York. Este bar tratábase dun pequeno espazo onde intentar converter en liberdade a represión sufrida polo colectivo. Pero o 28 de xuño dese ano, despois dunha redada, cando os policías iniciaron o desaloxo, unha multitude de persoas concentrouse diante do local. Isto provocou que os axentes pechasen o bar e comezasen os enfrontamentos. O progreso dende hai máis de cincuenta anos é notable. Cada ano son máis as persoas que apoian e defenden o colectivo.

Unha mostra do avance das medidas estatais cara a unha igualdade real é o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España, que se produciu no 2005. Ademais, ese mesmo ano permitiríaselles a adopción e no 2006 chegou a Ley da Igualdade de Xénero.

Mais aínda queda moito por facer. Desgraciadamente, a día de hoxe, segue sendo habitual coñecer novos casos de agresións homofóbicas case a diario. Un exemplo é o incidente de Ekain Perrino, quen este mesmo mes foi vítima dunha salvaxe agresión desta índole en Basauri (Pais Vasco). Nela participaron trece persoas que lle pegaron unha malleira ata deixalo inconsciente.

Defender que unha persoa gai, bisexual, trans, intersexual, queer ou calquera outra identidade segue sendo unha persoa igual de válida ca un heterosexual debe seguir sendo un tema primordial na sociedade actual. Os delitos de odio por orientación sexual e identidade de xénero supoñen en España a terceira causa do total de delitos de odio, segundo datos do Ministerio do Interior. A esta agresividade explícita hai que sumarlle unha violencia invisible que xera rexeitamento e medo.

Por estes motivos, é importante introducir dende o inicio da vida académica de toda persoa cursos e actividades onde se traten estes asuntos e poidan falar con naturalidade e total liberdade deles.

Igual de importante é o recoñecemento da diversidade familiar. Ter protección real das distintas realidades familiares escollidas con liberdade, con medidas de apoio á adopción a familias LGTBI, recoñecemento da filiación das parellas de mulleres lesbianas e protección xurídica das novas formas de convivencia estables sen ser parella son necesidades da sociedade e que faltan por impulsar lexislativamente.

Dende a Corporación municipal de Mos defendemos e apoiamos os dereitos das persoas do colectivo LGTBI e a que poidan desenvolver unha vida plena e en liberdade. Mostramos a repulsa máis absoluta e tolerancia cero ante os delitos de odio por calquera motivo de orientación sexual. Todos somos iguais en dereitos, “pero non somos seres uniformes en sociedade”. Ser consciente diso abre as portas a un mundo de respecto e confraternidade.”

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad