A Deputación ofrece 210 prazas, quince en cada un dos itinerarios, nos baños de bosque que se desenvolverán por nove espazos naturais da provincia
Trala súa excepcional acollida durante este mes de xuño, a Deputación de Pontevedra abre este luns 21 de xuño o prazo de inscrición para as catorce rutas do programa Bosques Terapéuticos que se desenvolverán no mes de xullo por nove espazos naturais da provincia. Esta é a segunda edición deste programa da institución provincial, que a través dos “baños de bosque” une medio ambiente, exercicio, saúde e cultura cunha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas coa natureza, conxugada coa interpretación do patrimonio.
Para o vindeiro mes de xullo ofértanse 210 prazas para o total das catorce rutas previstas (quince por cada unha delas). Máis polo miúdo, celebraranse dúas rutas dos baños de bosque polos Salóns do Lérez (os días 3 e 30), polo Espazo natural Arco da Vella (10 e 16), por Cabo Udra (11 e 23), pola Ruta da Pedra e da Auga (2 e 17), polo Sendeiro azul do río Verdugo (9 e 24) e unha polo Parque Monte Aloia (día 4), polo Bosque da Picaraña (18), pola Senda do Almofrei (25) e pola Fraga de Catasós (día 31). As persoas interesadas en asistir deben inscribirse no formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal).
Cada unha das rutas dos parques terá un tema central deseñado especificamente para estas rutas, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre o que xirará toda a actividade. Isto fomentará que as persoas poidan participar, se o desexan, nas distintas rutas, sen que se repitan os contidos.