Román González, elixido voceiro provincial de Podemos hai dous meses, encontrou unhas pintadas na súa vivenda que decían “oportunista”, “farsante” e “fóra do Concello”. González relaciona o asunto co recente anuncio da súa saída do grupo de GañaMós, que encabezou nas últimas eleccións, para pasarse ao grupo de non adscritos.
O concelleiro da corporación municipal do concello de Mos, antigo voceiro da plataforma veciñal GañaMós e voceiro de Podemos na provincia de Pontevedra, denunciou ante a policía local e a Garda Civil que foi vítima duns actos vandálicos consistentes nunhas pintadas na súa vivenda na madrugada do pasado xoves. A persoa ou persoas responsables das pintadas escribiron “lixo oportunista fóra do Concello” e “farsante” nas paredes exteriores da vivenda do voceiro de Podemos.
González, que tomará posesión no vindeiro pleno municipal, como novo membro non adscrito da corporación, afirma que este acto pode estar asociado a un exercicio de vinganza ou represalia por tomar esta decisión. Recoñece non ter probas, mais si “sospeitas” e engade que “é moi triste que nestes tempos aínda exista xente ancorada na prehistoria mental, e que non teñan a capacidade de respectar a liberdade democrática das persoas”, en alusións aos perpretadores das pintadas na súa casa.
González afirma que estes actos “non o van a amedrentar”, e pola contra, ratifica a súa decisión de pasarse ao grupo de non adscritos. “Estes actos vandálicos, invadindo a miña intimidade familiar por unha decisión política non fan máis que ratificar a miña decisión, e demostrar que dende a miña organización, dende Podemos, estamos a facer ben as cousas en prol do ben común, e así seguiremos, amosándolle a toda a veciñanza que unha nova forma de gobernar e de xestionar, é posible”.
Tamén declarou que “quen atenta directamente contra a democracia, contra o Estado de dereito, e contra representantes da veciñanza elixidos de xeito democrático, non teñen cabida nesta sociedade, e a resposta é moi breve, xamais me calarán, xamais nos calarán”.
Remata asegurando que ” ninguén se fai forte sen batallas difíciles, e estes actos a min danme moita máis forza para seguir, para mirar de fronte ao fascismo e dicirlle que esta sociedade merece moito máis do que eles cren, que me reafirmo na miña decisión, e que o tempo e o traballo porán a cada un no seu lugar”.
O Concello de Mos emitiu tamén un comunicado público onde anunciou que no vindeiro Pleno de xuño, todos os grupos, incluído GañaMós, aprobarán unha moción de repulsa a estes actos.