Juan de Marco 15/06/2021

Investirase 468.244 € na mellora da seguranza viaria nun tramo de 200 metros na EP-2502 Cerquido-Ribadelouro e 138.500 € na mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil nun tramo de 155 metros da EP- 3001 en Rebordáns

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar dous novos convenios co concello de Tui para investir máis de 600.000 € na transformación de dúas estradas provinciais ao seu paso pola vila do Baixo Miño. Así,
investirase 468.244 € na mellora da seguranza viaria nun tramo de 200 metros na EP-2502 entre Cerquido e Ribadelouro e outros 138.500 € na mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil nun tramo de 155 metros da EP-3001 en Rebordáns.

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva detallou hoxe que no caso da estrada entre Cerquido e Ribadelouro, para cuxa mellora a institución provincial achegará o 70% do orzamento (327.771 €) e o concello de
Tui o 30% (140.473 €), trátase dun espazo moi concorrido a nivel peonil, ao ser un tramo no que se concentra a Igrexa parroquial Magdalena, o cemiterio e o centro cultural de Ribadelouro. “Queremos que esta zona que era insegura
teña agora todas as garantías para as persoas”. A presidenta tamén explicou que a actuación vai dar prioridade peonil a través dunha plataforma única adaptada ao entorno, sen diferenciación de tráficos, mantendo os espazos verdes e enmarcando a contorna patrimonial con lousas de pedra. Amais, proxéctase o desvío do tráfico por unha vía municipal que bordea os equipamentos públicos e executarase unha beirarrúa na marxe dereita cun ancho de 2,5 metros. Colocaranse redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados, renovarase a sinalización horizontal e vertical, porase novo pavimento e novos servizos urbanos como mobiliario, árbores, iluminación e drenaxe de pluviais.

No que respecta á EP en Rebordáns, a presidenta detallou que a Deputación achegará o 80% do orzamento (110.800 €) e o concello de Tui o 20% (27.700 €) para mellorar a seguridade viaria e mobilidade peonil nun tramo de 155 metros da EP-3001. “Queremos mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas e vehículos” asegurou Carmela Silva, quen explicou que se vai reducir a velocidade do tráfico rodado mediante a execución de dous pasos sobreelevados e limitar a velocidade mediante a sinalización horizontal e vertical. A actuación contempla o desmonte do noiro na marxe esquerda aumentando o radio da curva ata 50 metros, o que permite a execución dunha senda de 2,5 metros de ancho pola marxe dereita. Amais, pavimentarase con novo firme o tramo e realizarase pintado das marcas lonxitudinais e superficiais, instalaranse novas sinais e melloraranse servizos como a rede de pluviais, nova canalización para alumeado público e telecomunicacións e novas luminarias eficientes.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad