A comunidade universitaria manifestouse xunto cos principais sindicatos nunha marcha onde tamén estivo presente a lider da oposición no parlamento galego, Ana Pontón. Denuncian que o proxecto de Abanca e a Xunta para crear unha universidade privada é un ataque contra a igualdade de acceso ao ensino, os intereses da sociedade galega e a propia Lei do Sistema universitario de Galicia. As tres universidades públicas galegas e o Consello económico e social tamén rexeitan o proxecto.
Centos de persoas marcharon hoxe en Compostela contra o proxecto de Universidad Intercontinental de la Empresa promovido por Abanca, que podería comezar a facturar nos vindeiros anos tras ser aceptada a trámite o mes pasado a lei da súa creación, cos únicos apoios do PP.
A comunidade educativa e os principais sindicatos estudiantís e de traballadores continúan desta maneira coa súa mobilización co obxectivo de parar este proxecto e “ataque ao sistema universitario público”. Entenden que se sentaría un precedente que impulsa a privatización do ensino superior, e atenta contra o acceso en igualdade de condicións ao ensino universitario, pois prioriza a capacidade económica fronte aos méritos, e permite “a venda de títulos”.
Esta “aposta polo privado” do Partido Popular, aseguran, “choca cos intereses da sociedade, que precisa unha universidade pública e de calidade, como garantía do seu progreso, suficientemente respaldada pola administración”. Ademais, denuncian as posíbeis vulneracións da Lei do Sistema universitario de Galiza que supón o proxecto.
Os convocantes explican que a intención da universidade de Abanca é competir con titulacións que xa se imparten nas universidades públicas de Galiza, “buscando únicamente un beneficio privado”. Incumpriríase desta maneira a Lei, que estabelece que a autorización dunha universidade privada está suxeita a que o seu catálogo de titulacións ofertadas sexa complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no SUG. A oferta da nova universidade, denunciaron durante a lectura do manifesto, “non completa a oferta actual”, e vulnera tamén o principio “da preceptiva promoción do galego” recollido na lei.
Ademais, critican que o proxecto “non garante os niveis de calidade na formación e capacitación do profesorado”, como si sucede no sistema público. Reclaman o fin das “subvencións á ensinanza privada” e un sistema de ensino superior “inserido na nosa realidade nacional e que dea respostas acaídas ás necesidades do ensino na Galiza”, dispoñendo á vez dun financiamento suficiente.
“A xunta debera asegurar ás universidades un plan de financiamento digno e razoábel, acorde cos niveis de países desenvolvidos” que lles permita levar a cabo “a súa misión con mínimas garantías e sen precariedade”. Entenden que “o dereito á universidade pública e universal” é un “piar imprescidíbel para o desenvolvemento dunha sociedade, para a xustiza e a igualdade”, e rexeitan que a educación se convirta “nun negocio, nunha mercadoría máis”.
Os convocantes describen o proxecto como un “novo agasallo da Xunta a un empresario, a quen xa lle deu as caixas de aforro”. “Preténdense lucrar agora co estudantado que teña recursos suficientes” ou aqueles “que recorran a un grande endebedamento”, o cal tamén agravará o problema da baixada de número de estudantes no sistema público. “Feijóo non dubidará en mentir sobre as vantaxes laborais do alumnado que estude nos seus centros”, aseguraron.