A formación de 100 moz@s no estranxeiro “é das mellores inversións que temos en marcha porque estamos a falar de configurar a formación e as mentes que van dirixir o mundo”
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, veñen de asinar o novo convenio de colaboración por importe de 100.000 € para completar a financiación cara ao curso 2021-2022 de 100 bolsas Erasmus + e bolsas propias de intercambio da universidade con países extra-comunitarios. “Neste mundo global –asegurou a presidenta – poder enriquecerte estudando noutros países é moi relevante na formación da mocidade, xa que permite configurar mentes máis abertas e mellores cidadáns/cidadás”. “Estamos en total sintonía – dixo o reitor-. Este programa é fundamental para construír unha Europa mellor e un futuro mellor, máis comprensivo e igualitario”.
Foi no 2015 cando se comezaron a asinar convenios coa Universidade de Vigo para completar o financiamento de bolsas de mobilidade e, dende aquela, foron xa 547 as alumnas/os que se teñen beneficiado das axudas. Ao respecto, Carmela Silva subliñou que “é das mellores inversións que temos en marcha, porque estamos a falar de construír a formación, as mentes que van dirixir o mundo”. Tamén destacou a importancia destas bolsas “en situacións difíciles como a que estamos a vivir. No 2008, a crise económica global empobreceu moito á sociedade e fixo que chegasen menos recursos á universidade e, cando parecía que estabamos saíndo chegou unha pandemia sanitaria global con repercusións económicas e sociais. Así que asinar este convenio, que vai permitir completar as bolsas de mobilidade de cen mozas e mozos, é un enorme pracer”.
Deste mesmo xeito se pronunciou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen asinou no libro de honra da Deputación de Pontevedra onde deixou escrito o seu agradecemento á institución polo apoio á universidade asegurando que “xuntos somos máis fortes”. Reigosa subliñou que a través do convenio estanse a poñer en marcha “axudas directas que van chegar, amais, ao noso alumnado ao inicio da súa estadía, algo fundamental neste tempo no que moitas familias teñen dificultades”.
O convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo para a promoción da mobilidade internacional do seu alumnado terá vixencia ata o 31 de novembro de 2022. A través del, achegaranse 100 bolsas de 1.000 € cada unha que servirán para completar ás bolsas do programa Erasmus + e ás bolsas propias de intercambio internacional que ten a universidade.
En total, ata o de agora o investimento da Deputación a través dos convenios asinados coa Universidade para a promoción da mobilidade internacional do seu alumnado foi de 550.000 euros e téñense beneficiado 547 mozas e mozos que viaxaron xa a países da Unión Europea como Portugal, Reino Unido, Dinamarca, Alemaña, Polonia, Finlandia, Romanía, Croacia, Bélxica, Italia, Noruega, República Checa, Eslovenia, Turquía, Bulgaria, Suecia, Irlanda, Austria, Países Baixos, Francia, Hungría, Eslovaquia, Lituania, Finlandia, Grecia e Macedonia e, de fóra da Unión, a Chile, Uruguai, Brasil, Corea do Sur, Perú e México.