A casa editorial Galaxia prepara o lanzamento de “O libro da rosa”, a 4ª obra literaria dunha serie que recolle relatos de diferentes autores. No momento, encóntrase na procura de escritoras que elaboren os relatos.
Tras unha reunión esta semana do Concello de Mos co director da editorial, Francisco Castro, informouse do lanzamento o vindeiro ano 2022 da cuarta obra dunha serie literaria de escolla de relatos curtos que terá o emblema mosense como protagonista: trátase de “O libro da Rosa”.
Esta serie comezou con “O libro dos libros”, un volume de “relatos sobre libros, lectura, bibliotecas, librerías e xentes que len, pensan coa escrita e deitan a través das xemas dos dedos sobre o teclado”; seguido de “O libro dos trens”, onde as autoras “toman o tren, a vía, a estación, os revisores ou os maquinistas como motivo de inspiración para crear un relato que sexa […] unha viaxe literaria feliz”. Próximamente sairá á luz “O libro da música”, cuxo lanzamento fora programado para 2020, mais adiado pola pandemia da COVID-19.
O anuncio de “O libro da rosa” realizado polo Concello chega precisamente a unha semana da celebración do día grande da Festa da Rosa, o 13 de xuño. A maior festividade da vila este ano ano ficou recentemente suspendida, agás o acto institucional do Día da Rosa, por mor do nivel máximo de incidencia que afectou a Mos nos últimos días.
A editorial atópase en busca dos 10 autores e autoras galegas, 5 mulleres e 5 homes, para asinaren “O libro da rosa” coa súa autoría. O Concello informa de que o formato de “O libro da rosa” será un volume de 135 por 210 mm e 112 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.