A vila recupera o seu sitio no ciclismo nacional cun percorrido de 140 km en total
Coa participación de 150 corredores dos mellores equipos ciclistas das categorías elite e sub-23 tanto de Galicia como do resto do Estado, O Porriño vai recuperar sitio no ciclismo nacional coa celebración do Gran Premio Concello do Porriño que terá lugar o vindeiro domingo 6 de xuño. O concelleiro de Deportes, David Alonso reivindicou que “grazas ao traballo de moita xente e o apoio das institucións, O Porriño disfrutará de novo do mellor ciclismo”.
A proba, organizada polo club local “Master da Louriña”, co apoio do Concello e da Deputación Provincial, será puntuable para a Copa de España de clubs e ao mesmo tempo a última cita antes do Campionato de España. Por esta razón o seleccionador galego da categoría sub 23, Xacobo Ucha subliñou “a importancia que vai ter o resultado na convocatoria que realizará para os ciclistas que sexan seleccionados para representar a Galicia no Campionato de España”.
Na presentación da proba, realizada hoxe no vestíbulo do Polideportivo Municipal, Djamel Avendaño, en representación do club organizador, explicou que o percorrido do Gran Premio Concello do Porriño “será moi atractivo e ao tempo moi recoñecible para os afecionados locais” con tres subidas -San Cosme e Abelenda por dúas veces- e un total de 140 km con saída e chegada na Avenida Domingo Bueno.
Tamén asistiu á presentación o deputado provincial delegado de Deportes Gorka Gómez, que eloxiou o traballo do club organizador e do Concello no apoio do deporte, celebrando que “a recuperación de eventos deportivos é unha boa nova para axudar na reactivación polo que supoñen en turismo e polo tanto en movemento económico”.
Durante o acto, tanto Gorka Gómez como David Alonso, no nome da Deputación e do Concello respectivamente, expresaron as súa tristura pola nova do pasamento de Isaura Abelairas e trasladaron as súas condolencias á familia da deputada autonómica e exconcelleira de Vigo.