José Docampo 01/06/2021
foto: foto do arquivo do Pleno de Mos

Fica suspendida a Festa da Rosa, se ben terá lugar o acto institucional do 13 de xuño no que participarán os pregoeiros Óscar Pereito e Javier Guillén, sen público, e que será retransmitido en directo. O goberno local anuncia que unha parte dos fondos irá destinada a unha campaña de promoción da hostalería.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou na sesión ordinaria do Pleno do mes de maio, celebrado esta mañá telemáticamente por videoconferencia, que dada a situación de nivel máximo de incidencia por COVID-19 na que se atopa o municipio queda suspendida a programación da Festa da Rosa 2021. Manténse unicamente, máis sen público, o acto institucional do día 13 de xuño coa presenza da Corporación Municipal. Nesta data, lerán o pregón o ciclista mosense, gañador dun Tour e embaixador de LA VUELTA, Óscar Pereiro, e o director de LA VUELTA, Javier Guillén. O acto será retransmitido en directo a través das redes sociais oficiais do Concello de Mos.

O Concello de Mos tiña prevista a presentación oficial do programa de actividades culturais da Festa da Rosa 2021 o pasado venres 28 de maio, a cal non chegou a realizarse dada a situación sanitaria actual do municipio. Esta programación queda por tanto suspendida e unha partida das destinadas a financiala dedicarase a poñer en marcha unha campaña de promoción e “difusión publicitaria masiva” da hostalería mosense incluída no plan ‘Queda en Mos. Todo ao teu alcance’.

Con esta campaña preténdese darlle un gran pulo aos locais hostaleiros de Mos durante o verán, unha vez superado o nivel máximo de restriccións no que se atopa o municipio, e fomentar que tanto veciñanza mosense como de concellos da contorna e incluso turistas consuman en bares, restaurantes, taperías e cafeterías de Mos. Dita campaña incluirá múltiples accións entre as que se atoparán a instalación de mupis publicitarios en Sanxenxo, promocionando o fin de etapa en Mos da etapa 20 de LA VUELTA 21 (Sanxenxo-Mos) o 4 de setembro, de xeito que tanto habitantes de Sanxenxo como veraneantes que alí se atopen se animen a coñecer Mos e a consumir nos negocios de hostalería de Mos.

O Concello si manterá dentro da programación da Festa da Rosa 2021 o Concurso de Rosas, que se levará a cabo a través dunha iniciativa en redes sociais que pronto se detallará, e que contribuirá a manter e non perder as tradicións locais, sendo unha das máis senlleiras o devandito concurso.

Por outra banda, o Pleno municipal reunido onte aprobou por unanimidade a moción presentada con carácter de urxencia a proposta da Alcaldía do Concello de Mos, para aprobar o “Plan Municipal de Apoio á Hostalería”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad