Alejandro Lorenzo sinala que estará “moi pendente de que o Goberno local cumpra co acordo”
“Queremos un plan para a mellora do Porriño, non un parcheado para cubrir o trámite”
A moción que presentou o Partido Popular para que o Concello do Porriño conte cun plan de mantemento e mellora das estradas municipais, beirarrúas, parques infantís e pistas deportivas en todas as parroquias, incluído o casco urbano, foi aprobada por unanimidade no último pleno municipal. O voceiro do PP, Alejandro Lorenzo, destaca que “é unha urxencia, ante o deterioro xeneralizado e sen precedente que sofren estas instalacións en todo o municipio, froito da falta de mantemento e do desinterese amosado polo goberno de Eva García”.
Lorenzo destaca que esta moción do PP recollía unha reclamación de todas as asociacións locais e do conxunto da cidadanía, que viñan queixándose de forma reiterada polo estado das vías municipais, que en moitos casos son arterias principais de comunicación entre as parroquias, pero tamén poñían o foco na falta de saneamento, na falta de limpeza e deterioro das beirarrúas, e no abandono que estaban sufrindo as pistas deportivas e parques infantís.
“Nas áreas verdes hai falta de planificación, con vexetación abundante que debería estar rozada para que os veciños poidan disfrutalas en condicións, e o mesmo ocorre cos parques infantís, nos que xa non é que non se desinfecten, senón que hai elementos de xogo con partes rotas, sucidade, etc”.
Unha vez aprobada a proposta do PP, Lorenzo di que estará “moi pendente de que o Goberno local cumpra co acordo”, e esixe que “acelere os traballos porque estamos xa nos meses de disfrutar do bo tempo e dos espazos ao aire libre”. Insiste, ademais, en que “queremos un plan para a mellora do Porriño, non un parcheado para cubrir o trámite”.