Afundación inicia o programa «Música a flor de pel», que levará actuacións en directo aos centros de educación especial.
Esta iniciativa social, que se estende a toda Galicia, pretende contribuír a reducir o illamento provocado pola pandemia en colectivos vulnerables e achegar a música e os seus beneficios a escolares con capacidades diversas
Os centros educativos acollerán encontros musicais nos que, cun estrito cumprimento de todas as normas de prevención ante a COVID-19, o alumnado gozará da música tradicional galega de xeito dinámico e participativo.
Afundación, dentro do seu compromiso por desenvolver iniciativas de impacto social que contribúan a paliar as consecuencias adversas da pandemia, poñerá en marcha a partir do próximo 10 de maio «Música a flor de pel», un programa que levará microconcertos aos centros de educación especial de toda Galicia. A iniciativa presentouse en rolda de prensa esta mañá no Teatro Afundación de Vigo coa presenza do presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet e de Marcos Estévez, director da Fundación Igualarte e o músico e profesor Carlos Quintá, quen dirixirá as propostas que se desenvolverán nos distintos centros educativos.
Case 1100 escolares de 19 centros educativos, máis da metade dos que hai en Galicia, están xa apuntados a esta actividade, dirixida a todos os centros de educación especial da comunidade que queiran participar, que se desenvolverá ata o 31 de maio e que continuará o próximo outono co inicio do novo curso escolar. Afundación pon en marcha este programa desde o coñecemento dos beneficios que a música en directo achega para a xestión das emocións, a diminución de medos e tensións, o desenvolvemento sensorial e perceptivo, o fomento da creatividade ou o reforzo da comunicación, entre outros. Porque todo iso é especialmente relevante nos tempos que estamos a vivir, aproximar a música a estes nenos, nenas e mozas xorde como unha iniciativa tan emocionante como necesaria. En palabras de Miguel Ángel Escotet «o programa é a evolución lóxica do compromiso de Afundación, como Obra Social de ABANCA, coas artes e a cultura como motor de crecemento persoal, coa atención á diversidade, coa igualdade de oportunidades e coa sensibilidade social».
«Música a flor de pel» é así mesmo un programa creado por Afundación por mor da detección das necesidades específicas dos centros de educación especial que traballan con persoas con capacidades diversas. As limitacións impostas ás saídas escolares e á realización de eventos neste ámbito conlevaron unha redución das posibilidades de interacción cultural deste alumnado, para quen a alternativa dixital non é unha opción plena, ao contar coa distancia que impón a pantalla. Así xorde esta iniciativa de acudir presencialmente aos centros, atendendo a un estrito cumprimento das normas de prevención da COVID-19, centrada en seguir traballando pola plena integración social.
Os centros educativos poderán elixir entre as propostas desenvolvidas polo grupo De T@pas da Fundación Igualarte e o programa ideado por Carlos Quintá, músico e profesor, adaptando así as actividades ás opcións máis interesantes para cada centro. Deste xeito, o grupo de música tradicional De t@pas da Fundación Igualarte, que traballa con persoas con capacidades diferentes, propón un concerto de música tradicional fusionada con ritmos contemporáneos, audicións musicais interactiva e unha proposta para os máis pequenos onde se traballan os aspectos sensoriais e achégaselles aos distintos instrumentos. Pola súa banda Carlos Quintá como violinista e acordeonista, profesor de música e membro colaborador das compañías de monicreques Seisdedos, Viravolta ou Fantoches Baj propón unha actividade apoiada en elementos escénicos e lúdicos inspirada na tradición musical e oral galega e adaptada á creación actual.