Vigo reivindica a bicicleta no Día da Terra para acadar unha cidade máis sá e sustentábel.
A alianza Vigo Ciclábel organiza un percorrido pola cidade para conmemorou o Día da Terra, que se celebra cada 22 de abril
O colectivo lembra que a mobilidade en bicicleta é unha grande aliada para construírmos cidades máis habitábeis, inclusivas, seguras e sostíbeis
A plataforma Vigo Ciclábel*, formada por colectivos ecoloxistas, feministas, veciñais e ciclistas, convocou á cidadanía viguesa a participar nunha nova bicicletada para conmemorar o Día da Terra, que se celebra cada 22 de abril dende o ano 1970. O percorrido comezou ao carón da oliveira, no Paseo de Alfonso XII ás 19:30h deste xoves 22 de abril e rematarou na praza de Compostela. Segundo a organización deseñouse un percorrido curto e sinxelo, de dificultade baixa, apto para calquera persoa.
Esta acción reivindicativa no Día da Terra ten como obxectivo visibilizar as vantaxes e o potencial que ten a bicicleta como medio de transporte activo en Vigo. “Con esta bicicletada queremos animar ao uso das bicicletas nos desprazamentos diarios, ademais de reclamar máis infraestruturas seguras e políticas ciclistas que faciliten o seu uso”, apunta Begoña Vila, voceira de Vigo Ciclábel.
Segundo o último inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), o tráfico rodado supuxo en 2019 o 29% das emisións totais, centrándose máis dun terzo destas en áreas urbanas. Trátase do sector que máis emisións xera a nivel estatal, por riba da industria, a xeración de electricidade ou a agricultura e gandería (1). Asemade, os coches constitúen un dos principais focos de contaminación atmosférica que afecta á saúde humana e acústica. Neste sentido, Vigo é a día de hoxe unha das cidades de todo o Estado con maior uso do tráfico rodado a motor. É tamén a cidade de Galicia con maior taxa de accidentes en tramos urbanos, presentando ademais o índice máis alto de emisións, tanto de Gases de Efecto Invernadoiro, como de polución por NO2 e PM10.
“Precisamos políticas ambiciosas que eliminen vehículos da nosa cidade en beneficio do transporte non motorizado, a pé e en bicicleta. A bicicleta é silenciosa e provoca cero emisións. É a perfecta aliada para poñer freo ás consecuencias do cambio climático e para construírmos cidades máis habitables, inclusivas, seguras e sostíbeis”, afirma Ánxel López, de Vigo Ciclábel. Por estes motivos cómpre facilitar a mobilidade activa na cidade a través de campañas, medidas e infraestruturas que potencien o uso da bicicleta.
Máis información: http://vigociclabel.gal/
Portavocías: Begoña Vila (651376544), Ánxel López (654581313)
*Vigo Ciclábel é unha plataforma pola defensa da bicicleta integrada por diversas asociacións como A Golpe de Pedal, Mulleres Bicivisíbeis, Conbici, Verdegaia, ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Vigo Histórico e Fridays for Future, ademáis de persoas a título individual.