Redacción 23/04/2021

O BTT galego arranca na Cañiza e en Santiago tras un ano sen competicións.  

Rematou a espera para o BTT galego. Despois dun ano en branco por mor da pandemia da covid-19, os bikers volverán competir esta fin de semana na nosa comunidade. O III Trofeo BTT-XCO Concello da Cañiza e o III Mini BTT Concello de Santiago dan o bandeirazo de saída a unha temporada que comeza marcada polos estritos protocolos sanitarios.

As medidas establecidas para reducir o risco de contaxio nestes dous eventos implican que as probas se celebren sen público, que a participación se limite a corredores autonómicos e o uso da máscara. No caso da cita que abre a Copa Galicia de Cross Country Olímpico, os bikers deben presentar o certificado de ter dado negativo nunha proba para detectar a covid-19 e poderán retirar o seu tapabocas 15 segundos antes de entrar en competición. 

A cifra de inscritos na cita organizada pola Grupeta Pan de Zarko pon de manifesto a expectación que espertou o regreso do XCO galego. Un total de 240 corredores poranse un dorsal este sábado na localidade pontevedresa da Cañiza. En xogo estarán os primeiros maillots de líderes do certame autonómico desta modalidade olímpica.

As carreiras no circuíto do campo de fútbol de Augas Férreas comezarán ás 16:00 horas coa primeira quenda de saídas na que tomarán parte os rapaces cadetes, os máster-40 e os máster-50-60. A segunda manga dará inicio ás 18:00 e terá como protagonistas a todas as categorías femininas, aos elite-sub23, aos juniors e aos máster-30.  

Mini BTT

Outro espectacular dato de inscrición, con 460 ciclistas anotados, rexistra o Mini BTT Concello de Santiago que se celebrará o domingo na capital autonómica. Para evitar aglomeracións, o Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela dividiu o programa do seu evento en dúas sesións.

Pola mañá rodarán no circuíto ao carón do Estadio Vero Boquete as rapazas e os rapaces das categorías Principiante (10:00 horas), Alevíns (11:50) e Infantís (13:50), mentres que pola tarde será a quenda das probas Benxamíns (17:00) e Promesas (18:00). O uso da máscara será obrigatorio tanto nos adestramentos como nas carreiras.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad