Tras un receso cortóuse a gravación da sesión plenaria no que o grupo municipal de oposición indica parouse para “agochar a alcaldesa fóra de control”
No pasado Pleno Ordinario celebrado o mércores 31 de marzo, paráronse tanto a gravación como a transmisión en directo da sesión; dende o grupo municipal Eu Son explican “Isto aconteceu xustamente cando a alcaldesa ameazou á nosa voceira coa intervención policial se non abandoaba o salón de plenos, por non retirar o que ela cualificou como insulto “mentirosa”; e así o manifestou o xefe de prensa con un “la grabación está parada”.
Dende EU Son “esiximos explicación urxente sobre esta decisión. Ninguén, e menos un xefe de prensa, é quen de negar o dereito á información á veciñanza do Porriño nin aos medios de comunicación e menos aínda cando esta é a única vía de acceso a día de hoxe. Lembramos que está ao servizo do Concello, non dos intereses da alcaldesa nin para ocultar as súas continuas faltas de respecto aos grupos da oposición”.
Ademáis, no que califican “da súa actitude despótica”, indican que ” Eva García de la Torre falta á verdade constantemente e o termo ‘mentirosa’ descríbea perfectamente no seu proceder como rexedora. Temos unha alcaldesa fóra de control, con varias causas abertas nos xulgados, sen capacidade de xestión nin de traballo. A transmisión dende o salón de Plenos parouse para que ninguén máis fora testemuña do triste espectáculo que deu, e que foi subindo en vergoña allea a cada minuto que pasaba. Non hai censura que agoche que esta señora non está en condicións de seguir exercendo cargo público de ningún tipo, e menos unha alcaldía”, finaliza EU Son.