Este novo operativo, que estará dotado de 6 operarios e que entrará en funcionamento durante a primeira metade do ano, suporá un importantísimo apoio e reforzo para o Servizo Municipal de Emerxencias e para Protección Civil de Mos.
O Pleno do Concello de Mos aprobou por unanimidade dos seus membros o pasado luns 29 de marzo a ratificación da aceptación do convenio asinado entre a administración local mosense, Xunta, Federación Galega de Municipios e Deputación provincial para a posta en marcha dun novo GES Mos-Redondela. Mos terá un GES compartido con Redondela e, no caso do municipio mosense, a previsión é que poida estar operativo durante o primeiro semestre deste ano 2021. O novo GES Mos-Redondela estará dotado de 12 operarios, 6 para Redondela e 6 para a localidade mosense.
Os representantes municipais do Concello de Mos, Arévalo e Costas, declararon que “a concesión deste novo GES para Mos non é froito da casualidade, senón que a administración local mosense conta cun Servizo Municipal de Emerxencias que por número de habitantes non estaría obrigada a ter e que está dotado dunha partida do orzamento municipal anual de 100.000 euros, dunha base cunhas instalacións totalmente equipadas, dun coordinador do Servizo traballador municipal e de 4 camións motobomba”. Por ese motivo, a alcaldesa entende que “esta metade do GES que compartimos con Redondela é sobradamente merecida”, e prometeu conseugir un GES único para Mos.
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal mosense que estará operativo nesta primeira recta do ano integrarase dentro do mencionado Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos. A renovación do mapa de emerxencias de Galicia acordada mediante un convenio pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e as deputacións provinciais modifica a distribución dos efectivos dispoñibles na comarca de Redondela. Así, o GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) desta localidade pasa a unirse co de Mos, aínda que ambas as bases mantéñense. Desde elas atenderanse as necesidades de Mos, Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior.