O Concello reforza o servizo de asesoramento creado para esta revisión do Ministerio de Hacienda con atención polas tardes
O Concello de Salceda de Caselas segue a atender á veciñanza afectada polo procedemento iniciado de oficio polo Ministerio de Hacienda a través do Catastro nos concellos de Mos, O Porriño, Bueu e Salceda.
A oficina habilitada con catro persoas leva atendido xa máis de 600 notificacións nestas dúas semanas, que fundamentalmente responden a erros de titularidade e/ou medicións. A próxima semana a oficina funcionará tamén polas tardes, para poder deste xeito atender a un maior número de persoas. Dende o Concello agradecen a comprensión e paciencia da veciñanza, pois tendo en conta que dende o catastro se enviaron 15.500 notificacións, non sempre está a resultar doado conseguir cita tan rápido como sería desexable.
A petición do Concello, Catastro confirmoulle que ampliará o prazo de alegacións dun mes proposto inicialmente, polo que a veciñanza poderá ser atendida no Concello ainda que o prazo de espera supere os 30 días.
O Partido Popular presentou tamén unha solicitude de Pleno Extraordinario, con propostas de facilidades de pagamento dos recibos, unha vez que coinciden en que o proceso é inevitable para a veciñanza. O equipo de goberno está en contacto dende o inicio do procedemento tanto con catastro como coa ORAL, na busca precisamente de facilidades para aquelas persoas que precisen acollerse a formas de fraccionamento ou aprazamento dos recibos. Unha vez a ORAL plantexe as diferentes alternativas que se poidan ofrecer, darase traslado das mesmas á veciñanza para que cada quen se acolla á posibilidade que máis lle beneficie segundo as súas circunstancias.
Tamén dende o Concello se ten iniciado xa o proceso de modificación da ordenanza reguladora do IBI, coa solicitude de informes a intervención e servizos sociais sobre a viabilidade de establecer unha rebaixa no tipo impositivo ou a opción de realizar bonificacións fiscais aos colectivos máis desfavorecidos. En todo caso, esta posible modificación non estaría vixente ata o ano 2022.
Un dos problemas no caso do Concello de Salceda de Caselas é a vixenciadunhas normas subsidiarias aprobadas no 1997, nas que os núcleos rurais son demasiado extensos e inclúen como urbanizables parcelas que na práctica non o son, por non ter a superficie mínima, por estar á beira de ríos e regatos, etc., e que con esta revisión pasan a tributar como fincas urbanas. O PXOM proposto polo goberno no 2016 solucionaría a práctica totalidade destes casos.