A concellería de Cultura e Turismo do Concello de Mos ofrece unha programación cultural de Semana Santa con de actividades lúdicas para gozar en familia. Desde xoves a domingo, os mosenses de todas as idades poderán desfrutar de diferentes atividades culturais e de lecer.
Os días 1 e 2 de abril, xoves e venres, o auditorio do Centro Dotacional de Torroso acollerá diferentes sesións de cine nos seguintes horarios e coas seguintes películas: o xoves 1, “A viaxe de Chiiro”, con sesións ás 11:30 h e ás 17:00 h. O venres 2, proxectaráse “Campións”, ás 11:30 h e as 17:00 h. Para acudir a estas sesións será necesario reservar previamente, desta forma, será posible cumprir con todos os protocolos anti covid19. Poden facelo chamando aos seguintes números de teléfono: 986 33 94 04 (de 9:00h a 14:00h) e 986 33 83 25 (de 16:00h a 21:00h).
O sábado 3 estará presente na devandita programación a música tradicional. Será da man dos grupos locais “ARUME e ALGARABÍA” que actuarán nos exteriores do Pazo de Mos ás 18:00 h, tamén previa reserva de entrada.
Así mesmo, o domingo 4 o lecer en familia será orientado aos máis pequenos da casa co espectáculo de clown “Rogelio, un pallaso en recuperación” onde o protagonista será o humor. “Rogelio leva encerrado na súa casa 20 anos. No instituto facíanlle bullying. Despois de ler a Paulo Coelho e seguir unha terapia de 12 pasos, está no último banzo. Paso número 12: facer en público o que máis lle gusta, a maxia. Se sae todo ben, danlle a alta médica. Pero claro, só poderá curarse coa axuda do púbico”
Para acudir a algunha destas dúas actividades que terán lugar no Pazo de Mos, será necesario reservar previamente por whatsap ao seguinte número: 639 300 974. En caso de choiva, trasladaranse ao interior, informa o Concello.