Redacción 14/03/2021

Algúns destes novos proxectos empresariais resultan de especial orixinalidade para o Concello, como unha perruería canina móbil ou unha clínica de acupuntura. Os novos emprendedores falan das dificultades e das oportunidades encontradas ao longo do camiño.

 

Desde unha perruquería canina móbil ata unha clínica de acupuntura, así de variopintos e singulares son os novos negocios nacidos en Mos en tempos de pandemia. O nexo común de todos eles é ter sido titorizados desde o Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Axencia de Colocación do Concello de Mos e que os seus creadores son veciños da localidade mosense.

Mayra Adón, de 35 anos e veciña da parroquia de Dornelas, é a creadora de FurgoCan, unha perruquería canina móbil que botou a andar ao comezo da crise sanitaria. Mayra asegura estar “moi contenta coa boa acollida”, aínda que a conciliación da vida familiar e laboral continúa sendo un importante atranco. Atende unha media de 15 citas semanais; o que fan 60 servizos ao mes.

Pola súa banda Iago Troncoso, con 34 anos de idade, decantouse por unha clínica de terapias alternativas e o pasado 1 de febreiro de 2021 abriu as portas de ‘Acupuntura y Terapias Manuales Iago Troncoso’. Ao igual que Mayra, Iago está “satisfeito co resultado que polo de agora está a ter a clínica”. Concerta unha media de entre 10 e 15 citas á semana. Entre o 70 e o 80% do seu traballo céntrase na acupuntura, aínda que tamén ofrece osteopatía estructural e quiromasaxe, explica. Comenta tamén que os clientes que tiña de antes, doutros municipios, non se animan a desprazarse ata aquí para realizar os seus tratamentos, mais percibe un progresivo crecemento de clientes mosenses.

Outro do negocios abertos recentemente foi o Bar Miro Pereiro en Petelos. Nun momento no que a hostalería é un dos sectores máis castigados pola crise sanitaria, Asunción Ríos abre en decembro de 2020 o seu bar cafetería na Rúa da Autovía 84. Dadas as circunstancias excepcionais que atravesa a hostalería, Asun a diferencia de Mayra e Iago, comenta que “a afluencia de clientela é aínda frouxiña”, aínda que con optimismo asegura que “espero que a situación se recupere e o público aumente pouco a pouco”. Respecto do cumprimento das medidas anti COVID por parte dos seus clientes explica que “os habituais son os máis cumpridores, os esporádicos reláxanse máis”.

Ademais destes tres proxectos de emprendemento durante esta crise sanitaria abríronse outros catro novos negocios: unha peixería en Peinador, un proxecto de formación infantil e innovación pedagóxica que inclúe educación en arquitectura para a infancia e a adolescencia, un Centro Holístico Chi, un centro especialista en Nutrición e Dietoterapia e unha empresa de informática e programación.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad