Redacción 04/03/2021

O presidente da Xunta asistiu onte á colocación da primeira pedra do proxecto PEMOS-18 da Asociación de Empresarios de Mos. O acto concentrou a ducias de asistentes baixo unha carpa sen gardar a distancia de seguridade. Gustavo Barcia denuncia a “obsesión pola foto” do PP e considera o evento “unha falta de respecto ao esforzo que está a realizar a veciñanza”.

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asistiu onte ao acto inaugural das obras no polígono da Veigadaña acompañado polo presidente dos empresarios, Manuel Castro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, membros do goberno local e a deputada autonómica do PP Feli Rodríguez. O BNG denuncia que “baixo unha carpa montada para a ocasión, foron concentradas dúcias de persoas sen gardar a distancia de seguridade”.

Na última semana, Mos foi un dos poucos lugares de Galiza onde empeorou a situación epidemiolóxica. A incidencia da covid-19 sitúase por riba dos 250 casos por cada 100.000 habitantes e a Xunta anunciou un endurecemento das restricións para frear os contaxios. Nun momento no que se apela á prudencia de toda a cidadanía, o portavoz do BNG no Concello, Gustavo Barcia, cualifica de “irresponsabilidade” a convocatoria dun acto destas características. “Mentres o xefe do goberno galego colocaba a primeira pedra ante cen persoas, o seu Conselleiro de Sanidade explicaba en rolda de prensa os malos datos da pandemia en Mos”, indica o concelleiro. Adianta tamén que vai pedir explicacións, xa que unha celebración destas características debería contar co permiso do goberno municipal “e no momento actual non parece o máis sensato”.

Gustavo Barcia denuncia a “dobre vara de medir” da alcaldesa de Mos, “que fai estas cousas despois de chamarlle a atención ao BNG por celebrar unha reunión de carácter institucional con oito persoas nunha sala de cen metros cadrados”. Para o concelleiro nacionalista, a celebración deste acto “é un novo exemplo da obsesión do goberno do PP polas fotos e a propaganda”. Lembra que hai uns meses se lle pediu a todas as asociación veciñais e culturais do concello que cancelaran os seus actos, por iso ve a inauguración das obras de AEMOS como “unha falta de respecto ao esforzo que está a realizar a veciñanza para frear a pandemia”.

Durante o acto, Feijóo asegurou que a Xunta seguirá “facilitando o acceso ao chan industrial, poñendo a disposición este ano 1,4 millóns de metros cadrados de superficie bonificada nos seus parques empresariais”. Para conseguir este obxectivo, afirmou que a Administración autonómica destinará 8 millóns de euros, co obxectivo de bonificar a adquisición das 545 parcelas dispoñibles, a través da compra, con prezos bonificados ao 30% ou ao 50%; ou mediante o pago dun canon anual reducido, é dicir, en dereito de superficie. Así mesmo, e como novidade, subliñou que a Xunta ofrecerá unha terceira vía de acceso, a de arrendamento, que inicialmente estará dispoñible para os parques de Ferrolterra e da fronteira con Portugal. Feijóo asegurou que, desde 2015, a Comunidade leva adxudicados un total de 2,1 millóns de metros cadrados, cunha bonificación de preto de 65 millóns de euros e anunciou unha nova Lei de desenvolvemento de áreas empresariais.

O novo proxecto da Asociación de Empresarios de Mos supuxo unha bonificación de chan industrial por parte da Xunta de preto de 900.000 euros. O presidente do Goberno galego concluíu resaltando que o polígono empresarial da Veigadaña segue sumando iniciativas, como proba o feito de que máis do 92% da superficie de parcelas do parque están xa adxudicadas, quedando dispoñibles para venda 6 parcelas, cunha superficie total de preto de 30.000 metros cadrados.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad