“Salvaterra de Miño un lugar para disfrutar, un lugar para vivir”
Fai seis meses o Concello de Salvaterra de Miño presentaba a súa nova páxina de turismo, un portal que buscaba ser unha ventá aberta a todo o territorio, co fin de dar a coñecer toda a potencialidade dos recursos turísticos do municipio.
O Concello presentaba baixo o slogan, “Salvaterra de Miño un lugar para disfrutar, un lugar para vivir” a súa nova páxina web de turismo; un espazo dinámico, sinxelo e moi intuitivo que busca ser un escaparate máis de todos os recursos que ofrece este Concello do Sur de Pontevedra. Foi elaborada polo propio persoal da Administración Local, e en tan só 6 meses, recibiu preto de 9.000 visitas.
Salvaterra é unha das zonas máis visitadas do sur de Pontevedra. Só o Parque público A Canuda atrae a miles de visitantes durante todo o ano; unido aos máis de 30 km de sendas verdes polos diferentes ríos do Concello; o Recinto amurallado, o Museo da Ciencia do Viño, a propia maxia que conleva ser unha vila transfronteiriza ou Espazo Termal Lúdico de Teans, fan que Salvaterra de Miño non sexa soamente un Concello estratéxico en termos de turismo, senón que sexa un dos Concellos que máis medra de toda a contorna.
A súa ubicación estratéxica, o seu clima e a súa calidade de vida fan que día a día sexan máis persoas as que veñen a vivir a este municipio da raia.
A páxina está dividida en tres grandes bloques: Ven, coñece e visita; onde se presentan todos os recursos, a súa gran riqueza cultural, histórica e patrimonial, ademais de dar a coñecer os lugares onde durmir e disfrutar da súa gastronomía.
Disfruta con eles, visítaos en www.turismo.concellodesalvaterra.org

