Redacción 02/03/2021

Novidades no espazo cultural porriñés con estancias coma unha Sala Xeral e unha Sala de Estudo, actividades coma o Club de Lectura ou o Ciclo de Cinema, así como a implementación do eFilm e a caixa de devolucións

 

 

Entrar na biblioteca do Porriño xa non é un ritual dedicado ao silencio e as lámpadas de lectura, reservado para ás persoas de oposicións ou universidade entregadas aos seus exames.

A biblioteca é algo moi diferente hai máis dunha década. Abriu portas, habilitou espazos a outros perfís de persoas usuarias e, amais de emprestar libros, ofrece material audiovisual, cómics e gratuidade da conexión a internet; incluso nos últimos anos,… mesmo foi territorio adolescente.

Durante este tempo de incerteza marcado pola covid 19, a Biblioteca do Porriño malia a distancia continuou co servizo de préstamo da colección, acadando cifras moito máis positivas do esperado, incluso gratamente sorprendentes.

A Concellería de Cultura, dirixida por Cami Moreira Fontán, da que depende a Biblioteca municipal, aproveitou este tempo para reinventar os espazos e adaptalos a unha nova realidade conectada ao mundo da lectura, sendo este, o servizo bibliotecario por excelencia a perseguir por todas elas.

A Sala Xeral, transformouse, coa adecuación do seu mobiliario, nun espazo de socialización e participación cidadá, que convive cunha colección ecléctica de distribución máis atractiva, co crecemento da colección bibliográfica de referencia, e contando cun incremento dos centros de interese existentes.

Ao mesmo tempo, equipamos a biblioteca con tabletas e portátiles que substitúen ás antigas CPUs, unha actualización dos equipos informáticos que reverte no uso da nosa comunidade bibliotecaria.

Ademais, a biblioteca implementará eFilm, unha plataforma de préstamo audiovisual en streaming; que usando só a tarxeta da biblioteca poderás acceder a miles de películas, series, curtas e moito máis.
eFilm conta cun catálogo coa mellor selección de cine español, cine europeo, cine independente e cine clásico. En breve, tamén contará con: concertos e cursos de idiomas legais e gratuítos para toda a colectividade adscrita á Biblioteca do Porriño

Cómpre destacar o Club de Lectura, unha proposta que continúa, agora tamén en liña con gran éxito. E estamos de estrea cunha nova actividade, un Ciclo de Cinema, con pases no último venres de cada mes coordinado por Rebobina Asociación Cultural.

Unha atención especial merece a páxina web da biblioteca https://bibliotecadoporrino.com, onde podemos consultar; diferentes trámites persoais, a colección dixital, unha selección de recursos web como GaliciaLe, seccións interesantes, como son: noticias clasificadas por idiomas, idade ou xénero literario, seleccións temáticas e recomendacións, moi apreciadas pola poboación lectora.

Proseguindo coas innovacións, instalouse unha caixa de devolucións no exterior do edificio, achegado á praza de aparcamento reservada durante 15 minutos para realizar trámites rápidos na biblioteca, axudando a resolver problemas de estacionamento. Isto amplía o servizo de devolución de libros ás 24 h do día, os 7 días da semana, os 365 días do ano; cumprindo cos obxectivos de desenvolvemento sostible e promovendo o benestar garantido para a veciñanza.

Unha das grandes novidades que presenta a biblioteca municipal é a Sala de Estudo, situada na planta baixa do edificio do Centro Cívico, onde a poboación que precise da temperatura e luz adecuadas, de silencio e comodidade para concentrarse nos seus estudos, atopara o lugar idóneo.

Dous espazos, dous diferentes usos. A actividade de estudar é altamente exclusiva e de ningún xeito compatible coas actividades dunha biblioteca pública, entendida coma un espazo de convivencia onde, ao redor da lectura, a información e o lecer creativo, as persoas de todas as idades, ou niveis de formación, atópanse facendo comunidade, servíndonos das instalacións e recursos documentais creamos un centro vivo ao servizo da comunidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad