Redacción 25/02/2021

Representantes do Concello achegáronse onte ao lugar dos traballos. O proxecto, financiado pola Deputación de Pontevedra, inclúe beirarrúas, muros e unha glorieta na contorna do Centro Recreativo e Cultural de Guizán onde a Comunidade de Montes da parroquia construíu un novo local social.

 

O Concello de Mos informa sobre o avance dos traballos de humanización da Estrada Louriñó-Sobráns iniciado este mes. O proxecto inclúe beirarrúas, muros e unha glorieta na contorna do Centro Recreativo e Cultural de Guizán. Ademais realizarase a correspondente reposición do firme.

As obras requeriron de traballos previos como o desbrozado lateral, e a limpeza de cunetas e noiros que, unha vez realizados, van seguidos da rehabilitación de firmes e pavimentos acorde coa Instrucción de Estradas Norma 6.3-IC e o PG-3 do Ministerio de Fomento. A rehabilitación de firmes inclúe unha primeira fase de regularización da capa de rodadura e unha segunda fase de recrecido. A obra rematarase coa instalación e pintado da correspondente sinalización vertical e horizontal, respectivamente. Esta obra conta cun orzamento de execución por contrata de 261.467,64 euros que conta con subvención do Plan Concellos.

Desde o inicio das obras o pasado primeiro de febreiro, xa foi construído o muro de contención necesario para poder acometer a glorieta proxectada para a zona da Igrexa e do centro Cultural. Segundo informa o Concello, agora estase realizando a instalación das canalizacións e colectores para a recollida de auguas pluviais. Unha vez rematada tal instalación, o seguinte paso será comezar coas beirarrúas, cuxa acometida está previsto que se inicie xa a vindeira semana. O prazo de execución das obras é de 16 semanas.

A estrada que está sendo obxecto da obra é un vial moi transitado tanto por vehículos como por peóns ao dar acceso ao Centro Recreativo e Cultural de Guizán, ao Parque Infantil do Plantel e á Igrexa Parroquial de Santa María de Guizán. Esta estrada sirve ademais de enlace entre as parroquias de Torroso e Guizán polo que soporta bastante tráfico. Ademais, a importancia desta obra aumenta ao coincidir cos traballos de construción dun novo local para a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán que xa se atopan rematados e nos que a Comunidade de Montes de Guizán investiu un millón de euros. Na Estrada Louriñó-Sobráns, na parroquia de Guizán, actuarase nun tramo de 457 metros de lonxitude, tratándose dun vial con pendente elevada e edificacións nas dúas marxes.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad