Redacción 16/02/2021

A proposta vencedora consistiu nunha plataforma para captar fondos e recursos creando comunidade e a través da difusión de iniciativas de xeito xeolocalizado

Os outros dous premios foron para os equipos Kune e HelpDepu

 

 

O proxecto de creación dunha plataforma para captar fondos e recursos creando comunidade a través da difusión das súas iniciativas sociais de xeito xeolocalizado foi a proposta coa que o equipoformado por Celso Gómez, de Oia, e Edu Castro, Jarold Lugo, Henar Alonso e Isa Alonso, de A Guarda, se fixo co primeiro premio do #SocialHack, o Hackaton do Terceiro Sector organizado pola Deputación de Pontevedra a través de Smartpeme.

A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto á deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, participou esta tarde na entrega telemática dos galardóns deste reto tecnolóxico, desenvolvido durante esta pasada fin de semana, no que participaron máis de trinta persoas de distintos puntos de Galicia, Madrid, Cataluña e Andalucía. Todos elese elas concursaron en liña en grupos multidisciplinares, de entre tres e cinco persoas, para desenvolver a solución tecnolóxica máis innovadora cara ás entidades do terceiro sector.Na súa valoración, o xurado tivo en conta o grao de desenvolvemento das propostas, o deseño, a súa dificultade técnica e a presentación final. Todos os equipos que fixeron as súas presentacións subliñaron a importancia de traballar para colectivos e entidades que destinan o seu esforzo a axudar ás persoas que máis o necesitan.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosouse asombrada pola riqueza de ideas presentadas polos oito grupos participantes, e destacou que este Hackatondo terceiro sector demostrou “que o mundo dixital está liderado por persoas e as persoas poden converter á tecnoloxía, aos sistemas binarios e as siglas en algo humano e que poden ser o instrumento para mellorar a vida das persoas, sobre todo das que máis o necesitan”. Subliñou que “hai unha demanda real aí fóra” sobre as cuestións plantexadas nas distintas propostas “e isto que tedes feito vai dar respostas”. Neste senso, destacou que tralo reto tecnolóxico, “saíron grandes plataformas, pero sobre todo máis humanidade, máis seres humanos que son capaces de poñerse a crear en día e medio para xerar este apoio”. “O mundo é mellor –dixo- cando somos capaces de algo tan potente e tan ben elaborado, de dar respostas reais a necesidades reais”. Carmela Silva destacou tamén o ambiente xerado de cooperación e humor na convocatoria, onde os e as participantes foron quen de “rirnos, desfrutar e crear equipos”. Silva anunciou que a Deputación tratará de implementar agora as ideas resultantes destas dúas xornadas, “e falar de como todo o que tedes creado se pode converter en elementos que faciliten a vida ao terceiro sector e ás persoas que necesitan disto. Temos que modernizarnos e ser capaces de ter respostas tecnolóxicas e falaremos a ver como o xestionamos”.

O equipo gañador, que con este primeiro premio obtivo 2.000 €, conseguiu a máxima puntuación (12,1 puntos) do xurado coa proposta “Jamii”, consistente nunha páxina web que por unha banda permite realizar doazóns, participar en actividades de voluntariado, facerse socia/o de entidades, e tamén solicitar as súas axudas. A través da xeolocalización, a plataforma redirixe automaticamente aos proxectos máis próximos. 

O segundo premio (1.000 €) foi para o equipo formado por Carlos Rodríguez, Jaime Martínez, Alberto Fernández e Jesús Pérez, todos eles de Santiago, pola súa proposta Kune, que acadou 11,5 puntos na valoración do xurado. Consiste nunha plataforma que reforza a transparencia e a rendición de contas, co fin de responder a unha sociedade que demanda máis información e participación na toma de decisións. Nesta web cada usuaria ou usuario conecta coas entidades sociais que están acorde aos seus obxectivos para facer voluntariado ou colaboracións económicas. Para elo, as organizacións están clasificadas segundo os ODS da Axenda 2030 aos que responden e tamén se lles dá un certificado de transparencia.

Finalmente, o terceiro premio (500 €) o foi para o equipo formado por Pío Iglesias, Rafa Rodríguez e Jose Sánchez, todos eles de Pontevedra e agrupados baixo a proposta HelpDepu (10,1 puntos). Trátase dunha plataforma web que serve de ponte entre a Deputación e persoas usuarias que buscan satisfacer unha necesidade. Na web hai un directorio de entidades sociais, categorizadas segundo o seu ámbito de actuación, e un formulario de contacto para que a xente envíe as súas consultas. No momento de enviar a mensaxe, a web dirixe a persoa a un listado coas entidades que detecta que lle serán de máis axuda. 

Este primeiro “#SocialHack” enmárcase na programación de SmartPeme no marco da súa carteira de servizos para o terceiro sector, lanzada en xullo de 2020 e que ten o obxectivo de prestar formación e asesoramento tecnolóxico ás entidades sociais, fundamentais no desenvolvemento da provincia, para mellorar a súa eficiencia e capacidade de comunicación.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad