Redacción 11/02/2021

O TSXG avala a instalación de escalas mecánicas na Gran Vía de Vigo sen o permiso de Patrimonio

Contra A senteza cabe presentar recurso de casación 

A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu o recurso interposto polo Concello de Vigo contra a denegación, por parte de Patrimonio da Xunta de Galicia, da autorización para executar o proxecto de rehabilitación e transformación do contorno urbano da Gran Vía. Os maxistrados, por tanto, anularon a resolución da Administración autonómica que impedía, debido á catalogación dalgúns edificios, a instalación de escalas mecánicas nalgúns dos tramos da rúa.

A Sala, cun voto particular en contra, revogou a resolución ao entender que as obras non precisan da autorización de Patrimonio, pois a Xunta non acreditou a afectación que terían na integridade dos edificios catalogados, así como tampouco na súa “percepción, comprensión e estudo”.

Na sentenza, contra a que cabe presentar recurso de  casación, os xuíces avalan o proxecto, enmarcado dentro da estratexia Vigo Vertical e aprobado pola Xunta de Goberno Local en xaneiro de 2016. O TSXG entende que a denegación da execución das obras en Gran Vía require que se xustifique “concretamente” a finalidade que persegue a protección dos edificios, e indica que, neste caso, se realizou “dende o exame do proxecto, prescindindo da súa concreta afectación aos inmobles catalogados”.

O Superior asegura ademais que é “aos entes locais, a través dos catálogos dos instrumentos de plan, aos que corresponde incluír os bens do seu patrimonio cultural e delimitar a sua contorna de protección, sen prexuízo de que a Xunta poida elaborar directrices e recomendacións”. Neste caso, segundo destacan os maxistrados, “non se discute que o proxecto afecta a un espazo público que está situado a menos de vinte metros de varios edificios catalogados”, senón a protección subsidiaria para os edificios catalogados.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad