Redacción 10/02/2021

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta achega máis de 255.000 € públicos ao ano á entidade que dirixe o fútbol galego

Rafael Louzán actúa como representante da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo os Estatutos vixentes

 

 

A continuidade de Rafael Louzán como presidente da Real Federación Galega de Fútbol é un feito inexplicable despois de que a pasada semana se coñecera a súa condena a dous anos de prisión e 8 de inhabilitación para todo cargo público a resultas da comisión dos delitos de prevaricación e fraude durante a súa etapa á fronte da Deputación de Pontevedra. O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra considera que “o silencio do secretario xeral para o Deporte, José Manuel Lete Lasa, é un auténtico escándalo, que non ven máis que a confirmar os vínculos entre o PP e o aínda máximo responsable do fútbol galego”.

A Secretaría Xeral do Deporte depende directamente da Presidencia da Xunta de Galicia, “polo que o Goberno galego non pode seguir ‘de perfil’ tras unha condena xudicial por corrupción que afecta directamente ao presidente da Federación Galega de Fútbol. Ampararse exclusivamente en que a sentenza non é firme entra na máis elemental contradición co feito de que a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, tamén condenada na mesma causa, presentou a súa dimisión inmediatamente, así como a súa solicitude de baixa no Partido Popular. Louzán non pode ser nin máis nin menos”.

A Federación é unha entidade asociativa privada considerada de utilidade pública e sen ánimo de lucro que se rexe pola Lei do Deporte de Galicia e o decreto da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as Normas de Bo Goberno das Federacións Deportivas de Galicia. Está, por tanto, tutelada pola Xunta. Manexa un orzamento anual que supera os 5 millóns de € dos que case 1,5 millóns proceden da Federación Española de Fútbol e preto de 400.000 € de subvencións e contratos públicos.

@s socialistas da provincia de Pontevedra destacan que “a Federación Galega recibiu en 2020 unha subvención de 255.133 € da Secretaría Xeral para o Deporte”. Pero non quedan aí as achegas económicas da Xunta de Galicia “durante o ano 2019 tamén recibiu 21.840 € para adquisición de equipamentos deportivos, 12.000 € para patrocinio na Copa de Campións na División de Honra Xuvenil, 18.000 € para patrocinio do fútbol feminino e máis de 60.000 € da Corporación Radio e Televisión de Galicia para cesión de dereitos audiovisuais da fase de ascenso a Segunda B e do  Campionato de Liga de Terceira División”.

Os estatutos da Federación Galega de Fútbol non só se rexen pola Lei Galega do Deporte, senón que deben ser aprobados expresamente pola Xunta de Galicia antes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A maiores, toda determinación que afecte ás competicións ou ao réxime económico debe tamén ser expresamente autorizado pola Secretaría Xeral para o Deporte. O presidente da Federación Galega de Fútbol ostenta a representación da Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas “Están cómodos Lete Lasa e Feijoo con Louzán representando a Galicia?”

Á vista destes datos, o PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra considera “inexplicable que Louzán siga a manexar diñeiro público dende o seu cargo coa compracencia do secretario xeral para o Deporte, José Manuel Lete Lasa, e por extensión, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. É algo imposible de explicar e máis cando se mancha deste xeito o nome dunha institución centenaria, como é a Federación Galega de Fútbol. A Federación debe ser unha institución exemplar, pois é tamén unha referencia para todas as mozas e mozos das categorías base”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad