O Concello dá conta do compromiso levado a cabo por Telefónica co Concello de Mos durante unha reunión na que aseguraron que en 2021 quedará acometida a instalación en 13 barrios de seis parroquias mosenses. A semana pasada, o goberno local informaba do incumprimento por parte de R nos compromisos de instalación que se acordaran.
Representantes do Concello de Mos reuníronse esta mañá por videoconferencia coa coordinadora de despregue FTTH para Galicia e Asturias de Telefónica, Patricia Rodiño. O obxecto da xuntanza foi o de abordar os PEBANG (‘Planes de Estatales de Banda Ancha de Nueva Generación’) que Telefónica ten en marcha en Mos. Do Plan 2018-2020 a empresa só ten pendente de acometida a zona de Louriñó en Torroso, para a que xa ten solicitados os permisos de obra.
Respecto do Plan 2019-2021 Rodiño informou aos representantes municipais de que xa teñen feito todo o traballo previo de enxeñería e que a acometida da rede de internet de banda larga con cargo a este Plan dará cobertura a 5 parroquias: na parroquia de Cela aos barrios de Arufe, Coto e As Pereiras; en Louredo a Inxertado, Pantaño e Candosa; en Mos ás Regadas, A Rúa e Cabaleiros; en Petelos, Estivada e Rexenxo; e Piñeiro en Sanguiñeda.
A maiores, o PEBANG 2020-2022 xa saíu a concurso e o concurso público foi tamén ganado por Telefónica para acometer a rede de internet de banda larga en Pombal, parroquia de Louredo. Acometida que, aínda que lle quedan dous anos de prazo para realizar, a empresa manifestou a súa intención de levala a cabo xa neste mesmo ano 2021. Así como o firme compromiso de rematar antes de finais de ano a instalación na zona de Louriñó, pendente de 2020, os 12 barrios das 5 parroquias para este 2021, e intentarán tamén facer Pombal en Louredo.
Ao remate da reunión Arévalo e Costas anunciaron que desde o Concello de Mos estanse a realizar xestións para que outros operadores fagan inversión neste senso no municipio mosense e, con este obxectivo, o edil de Novas Tecnoloxías xa ten concertadas varias entrevistas con compañías operadoras de telefonía e internet para esta mesma semana, posto que hai varias empresas interesadas en facer ofertas de despregue de fibra óptica na localidade.