Redacción 23/01/2021

Este mes entrou en vigor o orzamento do ano 2021 do Concello de Mos. Fronte ao orgullo do equipo de goberno, os representantes socialistas consideran as contas “un engano e unha falta de respeto” á veciñanza, tendo en conta a crise sanitaria e as súas consecuencias económicas para o conxunto dos cidadáns.

 

Os socialistas de Mos reaccionan ante a entrada en vigor dos orzamentos denunciando importantes eivas no deseño dos mesmos que, apesar do entusiasmo do goberno de Nidia Arévalo, consideran “un engano e unha falta de respeto”. No tocante os ingresos, sinalan que hai partidas “claramente infladas”, como por exemplo as previsións do Concello de ingresos por multas de 100.000 euros; unha cantidade que “nunca” se tiña alcanzado. Tamén denuncian que, sen contemplar axudas a emprendedores, vaian ingresar por apertura de novos establecementos nun ano de crise económica a contía de 45.000 euros. Argumentan que estes ingresos están sobredimensionados pois o concello ten que contemplar o superavit co que afirmaba ter rematado o ano 2020, mesmo se eses datos non eran reais por non incluír todas as débedas e facturas pendentes do Concello.

Pola banda dos gastos, a bancada socialista denuncia que se eliminase a subvención para axudas escolares e que a partida para obradoiros de emprego continúe sendo de 10.000 euros, sen contemplar subida nun ano previsiblemente de aumento do paro. As partidas de cultura, deportes e medioambiente sofren unha importante baixada, o que vai implicar unha notable redución do fomento destas actividades no concello, que por outro lado suporían axudas para estes sectores tan afectados. O Concello presume da subida na partida de servizos sociais para dependencia, mas tristemente resulta “escasa xa que hai polo menos 70 veciñas e veciños do concello esperando ser atendidos”.

Os socialistas afirman que os maiores aumentos nas partidas de gastos veñen producidos polos aumentos nos salarios dos funcionarios e persoal do Concello, así como pola regularización da súa situación de cara ao vindeiro ano, cuestión que non se viña facendo en orzamentos anteriores. Ademais, aumentan as partidas referidas a gasto corrente do propio Concello.

A voceira socialista, Victoria Alonso, di non entender “como o goberno local pode presentar con orgullo un orzamento que nun ano tan crítico non mira pola veciñanza”. Critica que non contemplen ningunha liña de axuda para os sectores máis afectados do concello, así como axudas en xeral para veciñanza. Finaliza facendo fincapé en que un goberno municipal “ten que estar preto da cidadanía para facerlle máis doado o día a día”, e afirma que co Partido Popular no Concello de Mos “isto non está acontecendo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad