Só o Plan Concellos financiou máis de 400 obras e 900 empregos, ao que se engaden os 26 millóns en dotacións do Plan de Reequilibrio e do Plan DepoRemse. A presidenta resaltou que “os concellos xa acompasan as solicitudes ás novas necesidades, relacionadas co plan de recuperación e resiliencia cara ao novo paradigma”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance en rolda de prensa “de 3 programas pensados para garantir servizos e dereitos nos concellos”: o Plan Concellos 2020, o Plan de Reequilibrio e o Plan DepoRemse, plans que mobilizaron ata 68 millóns de euros nos municipios da provincia. Estes dous últimos programas, que suman 26 millóns, están practicamente rematados e avanzando a bo ritmo.
En canto ao Plan Concellos 2020, dotado de 42,2 millóns de euros, “os 59 concellos presentaron 429 obras á liña 1” de investimentos. A presidenta resaltou que os datos “confirman a tendencia dos concellos a realizar obras de maior importe e máis grandes” e tamén que “os concellos xa acompasan as solicitudes ás novas necesidades, moitas delas relacionadas co plan de recuperación e resiliencia. Son moi conscientes de cales son as novas actuacións que hai que poñer en marcha para cumprir o novo paradigma”.
En canto ás actuacións financiadas, Carmela Silva sinalou que “as obras de mellora de camiños son, como vén sucedendo dende o principio, o núcleo do Plan Concellos: un 28% sobre o total”. Ademais, “chama á atención o crecemento de obras en edificacións municipais: recibimos 48 solicitudes, por importe de 3,8 millóns converténdose no segundo apartado en importancia”. Pola outra banda, perden peso as solicitudes nas “obras de alumeado e eficiencia enerxética, xa que a través do Instituto de Desenvolvemento e Diversificación Enerxética (IDAE) se están recibindo moitos recursos da Unión Europea que a Deputación pon á súa disposición á marxe deste plan, co que a necesidade se ve cuberta a través doutros fondos”. Tamén salienta o progresivo incremento dos concellos en equipos informáticos, que alcanzou 13 solicitudes.
A liña 2, dirixida a boa parte da actividade municipal nos concellos, está dedicada a achegas para actividades sociais, culturais e deportivas, pagos a provedores, tarefas de mantemento e reparación e amortizacións de débedas. “A amortización de débeda vai diminuíndo de xeito importantísimo, ata o punto de que este ano só houbo unha actuación neste senso”, asegurou a presidenta. “Isto quere dicir”, valorou, “que os concellos están saneados en gran parte porque durante os 4 anos anteriores puideron usar os recursos da Deputación para facer fronte ás necesidades”. Foron 109 subvencións para actividades sociais, culturais e deportivas, 31 para pagos a provedores, 23 para mantementos e reparacións e só 1 para amortización de débedas.
Na liña 3 do Plan Concellos, “para a contratación de persoal co que facer fronte ás súas competencias”, a Deputación “proporcionou traballo a un total de 912 persoas durante 2020”. A presidenta lembrou que “a duración decídena os concellos porque, como sempre no Plan, son os que teñen a liberdade para decidir como empregan os recursos. O único que se esixe é que se respecten os salarios correspondentes á cualificación profesional, á duración e as condicións de xornada dos contratos, que están rexidas polos convenios”. Os 58 concellos –todos agás Valga, que non presentou solicitudes a esta liña– recibiron achegas para a contratación de 32 especialidades laborais, “o que demostra que é unha liña flexible na que cada concello solicita o que decide” e, como conclusión, salientou que “cada vez dedícanse máis recursos á prestación de servizos”.
No Plan DepoRemse, pensado para actuacións de mellora da accesibilidade, urbanizacións, reurbanizacións, peonalizacións, proxectos para mellorar a seguridade viaria e iniciativas de mobilidade, “as obras están todas xa practicamente rematadas. Dos 31 proxectos rematáronse 19, 10 están en execución, 1 en fase de contratación (Cangas) e outra pendente de iniciar o expediente de contratación (Meaño)”.
Fixéronse melloras da mobilidade e accesibilidade na Avenida Urbana de Sabarís en Baiona (290.000 €), o proxecto supramunicipal de Cangas e Moaña de interconexión dos seus centros urbanos (710.000 €), mellora da mobilidade nos accesos ao CEIP, residencia da terceira idade e centro de saúde de Crecente (450.000 €), mellora da accesibilidade do colexio Rosalía de Castro do Grove (380.000 €), mobilidade na rúa Vigo e Celta da Guarda (500.000 €), mellora na contorna do centro urbano de Mondariz (215.000 €), actuación na contorna dos centros de elevada atracción da Seara en Poio (500.000 €), mellora da mobilidade nas rúas do Castro e Infesta de Pontecesures (241.000 €), mellora da mobilidade na rúa Doantes de Sangue do Porriño (424.000 €), actuación na contorna do centro de saúde e de maiores de Silleda (450.000 €), mellora da mobilidade na praza do Seixo en Tomiño (500.000 €), proxecto na contorna do CEIP, gardería e polideportivo de Vila de Cruces (435.000 €) e mellora na contorna do recinto de Fexdega en Vilagarcía (310.000 €). En canto a proxectos de seguridade viaria destacan distintos lugares de Barro (70.000 €), na contorna do CPI da Cañiza (100.000 €), en vías de Catoira (435.000 €), en Covelo (86.000 €), na rúa Rosalía de Castro e contorna das Neves (328.000 €), nos accesos á gardería, colexio e pavillón de Ribadumia (168.000 €), en vías de Salvaterra de Miño (170.000 €) e no núcleo da Torre en Tui ( 425.000). DepoRemse dotou de reurbanizacións á rúa da Pedra en Bueu (350.000 €), na contorna da piscina e do centro deportivo de Ponteareas (máis de 420.000 €) e no antigo campo da feira da Devesa en Salceda (470.000 €). Houbo tamén peonalizacións en Campo Lameiro entre a Casa Consistorial e a Chanciña (350.000 €). Finalmente, acometéronse remodelacións: no polígono industrial de Cuntis (500.000 €), na Praza da Igrexa de Fornelos (450.000 €), na contorna do centro de saúde da Illa (450.000 €) e na contorna dos centros educativos de Dena en Meaño (270.000€)
Por último, a presidenta da Deputación fixo un resumo das iniciativas postas en marcha cos fondos do Plan de Reequilibrio, “previsto para a realización de equipamentos culturais, infraestruturas deportivas ou tamén reformas urbanas”. A institución aprobou achegas “situadas entre os 120.000 e os 1,5 millóns de € cos que poder financiar “obras moi importantes que están a transformar os concellos da provincia”.
Para equipamentos culturais puxéronse en marcha recursos para o Centro Torres do Oeste en Catoira (preto de 500.000 €), a Escola de Música de Caldas (800.000 €), o Auditorio do Grove (1,5 millóns), a biblioteca de Nigrán (1,5 millóns de €), a ampliación do Centro Cultural de Rubiós As Neves (400.000 €) e a rehabilitación do antigo mercado para convertelo nun edificio socio-cultural en Moraña (700.000 €). Para dotacións sociosanitarias, o Centro de estancia en Campo Lameiro (400.000 €). No apartado de infraestruturas deportivas recibiron achegas a piscina de Outeiro en Barro (300.000 €), a remodelación do club de piragüismo de Vilaboa (120.000 €), o polideportivo de Crecente (370.000 €), o ximnasio de Forcarei (312.000 €), a remodelación en Silleda do campo da Gandareira (700.000 €), o módulo de atletismo do Porriño (800.000 €), o ximnasio e pista de pádel de Fornelos (550.000 €), os campos municipais de fútbol da Lagoa en Mondariz (420.000 €), a piscina de Bueu (1,5 millóns de €), a remodelación do campo de fútbol de Arcade en Soutomaior (280.000 €) e a mellora do pavillón polideportivo e ximnasio de Rodeiro (350.000 €). Por último, no apartado de humanizacións e reformas urbanas, financiáronse a humanización da Praza de España de Ponte Caldelas (300.000 €), a rehabilitación das vivendas modernistas da Illa (1,5 millóns de €), a urbanización do parque central da Cañiza (00.000 €), a humanización da praza de Barciademera en Covelo (300.000 €), a reforma da praza de España do Mosteiro en Meis (240.000 €), a reforma da praza da Paradela de Gondomar (640.000 €) e a recuperación do espazo público de Pontecesures cara á ría (360.000 €).