O alumnado do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo dedica Cantos de Reis ás persoas usuarias do Centro de Día de Persoas Maiores de Baiona.
A recuperación da tradición dos Cantos de Reis, e o interese deste alumnado por achegarse e abrirse á comunidade, uníronse ó seu desexo de contribuír a romper a rutina e alegrar durante un rato ó colectivo de persoas usuarias de centros e/ou institucións para persoas maiores, tan castigado polos efectos da pandemia.
Este luns, 21 de Decembro, o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Superior en Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo de Baiona, acudiron ó Centro de Día para Persoas Maiores de Sabarís coa intención de alegrar, polo menos durante unha xornada, ós seus usuarios e usuarias, que desfrutaron da experiencia amosando a súa ledicia e agradecemento por esta iniciativa.
Os efectos da pandemia sobre o colectivo das persoas maiores en institucións son múltiples, dende a limitación das posibles visitas a recibir, á redución da tipoloxía das actividades a realizar, sempre co obxectivo de garantir a súa seguridade fronte os perigos da COVID-19. Por esta razón, e ligado ó traballo que están a desenvolver no IES Primeiro de Marzo de recuperación e difusión dos Cantos de Reis, así como no seu empeño por abrir o seu centro á comunidade na que se atopa inmerso, xurdiu a idea de ofrecer un pequeno recital con algúns destes Cantos de Reis que conseguiron reunir.
Na organización de esta iniciativa tivéronse en conta todas as medidas de seguridade necesarias, polo que a actuación realizouse co alumnado no exterior do Centro de Día, e as persoas usuarias desfrutando dende o interior, a través da gran cristaleira coa que conta o edificio que alberga este servizo. A chuvia non foi quen de impedir que se levase a cabo esta actuación, preparada con moito cariño por parte do alumnado deste ciclo superior.
A recuperación do patrimonio cultural, a organización e xestión de eventos, así como o traballo, entre outros, co colectivo das persoas maiores, son elementos propios da formación dos profesionais da Animación Sociocultural, polo que a actividade resultou moi enriquecedora para todas as partes implicadas.