Coincidindo co quinto aniversario da firma do Acordo de París, a plataforma Rebelión polo Clima mobilizouse saindo ás rúas de Vigo para frear a crise ecosocial. Tamen se desenvoveron accións en Pontevedra, Vilagarcía e Compostela así como en moitas cidades do resto do Estado español. As accións desenvolveronse dentro dun marco de mobilización internacional para sinalar ás institucións ou industrias emisoras de GEI e denunciar o lavado verde de cara co que queren agochar a súa contribución ao cambio climático.
As organizacións de Rebelión polo Clima fixeron percorridos por sedes e puntos de comercialización de diversas empresas en Vigo. Acusan a empresas enerxéticas, como Endesa, Naturgy e Repsol de disfrazarse de verde cando seguen a apostar por combustíbeis fósiles como o gas e mesmo a co-combustión con carbón; a entidades bancarias como o BBVA e Banco Santander de seguir a financiar enerxías sucias; e mesmo a empresas agroalimentarias, como Coren, de contaminar a terra e non dar conta das súas inxentes emisións de gases con efecto invernadoiro. De igual xeito, as activistas apuntaron tamén á Xunta de Galicia, pola escasa ambición da Estratexia Galega de Cambio Climático e o escurantismo e falsas solucións que están a existir ao redor do reparto dos fondos de recuperación post-covid (NextGennerationEU), no que os gobernos só falan coas grandes empresas para financiarlles proxectos contaminantes vestidos de verde e non coa cidadanía máis golpeada pola crise, como autónomos e Pymes, ou os sectores más castigados, como a sanidade e os coidados
As organizacións ecoloxistas advirten que o tempo de esperar accións gobernamentais ambiciosas ante a emerxencia climática esgotouse. Por iso sinalan que se necesíta unha maioría social global capaz de desafiar o poder da industria fósil e apostar por unha transición xusta cara a un modelo económico que respecte os límites biofísicos do planeta.
Despois de cinco anos desde a firma do Acordo de París os gobernos e institucións fallaron á hora de implementar as medidas necesarias para manter un incremento da temperatura global por baixo de 1.5 C. Esta realidade non é allea ao Goberno español. A pesar de que en 2019 a comunidade internacional e científica advertiu da necesidade de reducir as emisións globais de gases de efecto invernadoiro (GEI) nunha orde superior ao 7,6% anual, o Estado español queda moi lonxe desta cifra. En lugar de apostar por unha meta de redución de emisións GEI superior ao 55% en 2030 con respecto a 1990 -na liña das indicacións científicas- a proposta lexislativa limítase a unha escasa redución do 20%.
Se seguimos delegando a toma de accións nos Gobernos, a crise climática será incontrolable nos próximos anos e provocará unha degradación sen precedentes nas condicións de vida de toda a poboación, especialmente nas persoas máis empobrecidas dos países do Sur Global. En Europa, a rexión mediterránea será unha das máis afectadas. A industria fósil -baseada nunha lóxica de crecemento ilimitado dos seus beneficios- foi responsable do incremento das emisións GEI. Os gobernos a nivel global cederon ás súas presións ao longo dos anos, antepoñendo as necesidades desta industria ao benestar da cidadanía. Hoxe, nun contexto pandemia global sen precedentes, esas mesmas empresas tentan absorber os fondos destinados á recuperación económica ante a crise xerada pola COVID, sen ningún tipo de compromiso climático, ambiental ou social. De ser así, os gobernos e empresas estarán a perpetuar o mesmo modelo depredador que nos abocou á emerxencia climática que vivimos. Por todo iso, a sociedade civil vese obrigada a dar un paso á fronte co obxectivo de reducir drasticamente as emisións GEI e construír outro modelo máis sostible e resiliente.

