A Deputación xa se pronunciou lembrando á alcaldía que o mantenemento deses sinais de control do tráfico corresponde ao Concello. Pola contra, o goberno local de Mos apóiase en tres informes internos para reclamar o arranxo dos semáforos e lanza críticas contra a concelleira do PSdeG, Victoria Alonso.
O Partido Popular reclama á Deputación de Pontevedra que arranxe “con urxencia” os semáforos da estrada provincial Peinador-Os Valos, en Mos. Así o pediron esta mañá os deputados provinciais Jorge Cubela, Alejandro Lorenzo e Carmen Amoedo, que quixeron apoiar as reclamacións da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e dos veciños de Guizán.
“É unha demanda xusta e urxente”, sinalou o voceiro do grupo provincial, que criticou que a Deputación de Pontevedra “ten un orzamento anual estratosférico e continúa sen arranxar uns semáforos”. O que evidencia, engadiu, “un abandono claro, e un claro exemplo de inseguridade viaria e peonil”. A alcaldesa do PP, Nidia Arvévalo, insistiu no “abandono” que sufren os veciños do Concello que ela mesma goberna, do cal culpa á Deputación. Contrario ao criterio da institución provincial, tres informes elaborados pola secretaría, a intervención e a Policía Local do Concello de Mos, aseguran que o semáforo “pertence á Deputación de Pontevedra e é esta institución quen ten que arranxalo”, sinalou Arévalo, sen descartar “ir ao xulgado” ou tomar calquera “medida necesaria” para garantir que a Deputación arranxa os sinais.
Os populares aproveitaron tamén par criticar a “despreocupación e desleixo” da deputada socialista de Mos, Victoria Alonso, “e que non defenda aos veciños de Guizán”. Arévalo recorda que o que se espera dela é “que intermedie coa Deputación de Pontevedra, que se reúna cos veciños ou co concelleiro de obras, que se interese por coñecer cal é o problema e intentar resolvelo ou desbloquealo. Pero o único que fai é defender en exclusividade os intereses do partido socialista que, é evidente, son contrarios aos de Mos”, segundo entende Arévalo.
Os deputados e representantes do goberno local recordaron que tamén hai uns semáforos en Torroso “que se atopan na mesma circunstancia de abandono e de falta de mantemento e reparación. Non pode ser que despois das reclamacións do Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra continúe sen solucionalo”, cuestionou Cubela.