Redacción 11/10/2020

Con esta resolución da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a modificación puntual do Plan especial de protección e reforma interior do Casco Vello vigués poderá someterse agora á consideración do pleno municipal.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, acaba de emitir informe favorable previo á modificación puntual do Plan Especial do Casco Vello de Vigo que permitirá recuperar o ámbito da chamada Panificadora. Esta resolución pon fin á tramitación do expediente por parte da Xunta e supón o último paso previo á aprobación definitiva da modificación do Pepri por parte do pleno do Concello vigués.

Tras analizar a documentación achegada ao respecto e comprobar que responde aos requirimentos anteriores realizados por parte da Consellería, emitiuse informe favorable previo á aprobación definitiva da modificación puntual do Pepri do Casco Vello, na zona da Panificadora, condicionado, en todo caso, ao cumprimento das consideracións e prescricións sinaladas no informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica e á súa adaptación ás Normas técnicas de planeamento urbanístico, que entraron en vigor o pasado mes de maio.

A finalidade principal dos cambios a introducir no Plan Especial de Protección e Reforma Interior é a materialización documental dunha actuación pública municipal de desenvolvemento para a obtención de novas dotacións no Casco Vello.

En total, a modificación abrangue un ámbito de 10.546,10 metros cadrados, no que se definen espazos para viarios e dúas áreas dotacionais: unha primeira que comprende a actual parcela da Panificadora e dúas edificacións, e outra na que se resolve a conexión coa Praza do Rei.

Entre os obxectivos específicos deste proxecto figuran protexer o patrimonio, concretamente o do conxunto de edificacións da antiga fábrica da Compañía Viguesa de Panificación, coñecida como A Panificadora; preservar o perfil característico de Vigo (o chamado skyline); substituír os aproveitamentos lucrativos e residenciais previstos no Pepri por novas dotacións públicas; e crear un espazo que conecte a Praza do Rei coa rúa Santiago e o Casco Vello.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad