Redacción 07/07/2020

A comisión organizadora vese na obriga de cancelar a celebración deste ano ante a imposibilidade de manter o formato do festival cumprindo cos protocolos de seguridade. As bandas e artistas pechados para este mes de setembro amosaron a súa comprensión e comprometéronse a formar parte do cartel do vindeiro ano. Reproducimos o comunicado da comisión organizadora:

 

Cun enorme pesar, temos que dar a noticia que non queriamos dar: o Festival Intercéltico O Son do Pazo 2020 cancélase. Tomar esta decisión non foi doado para nós. Levamos moitos meses traballando duro coa idea de volver traer a Mos o melloriño do folk galego os días 4 e 5 de setembro. Tiñamos practicamente pechado un cartel de auténtico luxo e deveciamos por dalo a coñecer, pero optamos pola prudencia ante a crítica situación sanitaria que vivimos nos últimos meses.

Soñabamos con que este pesadelo pasara canto antes e gardabamos a esperanza de poder facer un gran festival que nos permitira rematar o verán con esa alegría que tanta falta nos fai. Pero atendendo ás circunstancias actuais, entendemos que non vai ser posible. Antes de tomar esta decisión, estivemos agardando a que as autoridades publicaran as medidas de seguridade e hixiene que se nos ían esixir e que queriamos respectar escrupulosamente. Comprendemos que toda precaución é pouca e o prioritario, para as administracións e por suposto para nós, é garantir a seguridade de toda a xente que participa no festival. Artistas, persoal técnico, voluntariado e público. Estudamos distintas fórmulas para adaptar o formato aos protocolos sanitarios, pero chegamos á conclusión de que nos iamos ver na obriga de renunciar á esencia do evento.

O Son do Pazo é un espazo de alegría e liberdade. Emocionámonos ao ver á xente cantar e bailar. Encántanos recibir ao público que enche de vida a contorna do pazo durante os dous días do festival. Compartir comida e bebida baixo a carpa, repartir apertas entre vellos coñecidos cos que nos une a paixón pola música galega e brindar pola amizade. Este ano ademais o recinto ía estar máis bonito ca nunca trala inauguración do parque que a Comunidade de Montes construíu a carón do Pazo… pero para facer realidade este soño, precisabamos que a situación sanitaria estivera 100% normalizada. E esta circunstancia, polo momento, non se dá.
Queremos, ademais, que sexa un festival de acceso libre e gratuíto. O C.C.D. Santa Eulalia e a comisión organizadora realizamos cada ano un enorme esforzo para que isto sexa así. Buscando patrocinadores, chegando a acordos coas distintas administracións e estudando todas as fontes de financiamento ao noso alcance. Todo co fin de facer chegar a música de raíz a un público o máis amplo posible. Porque facemos isto por amor á nosa cultura e ás nosas tradicións, sen ningún ánimo de lucro, e non nos gustaría ter que cobrar entrada ou limitar dalgunha maneira o acceso ao recinto.

Agora ben, que este ano non haxa Festival non significa, nin moito menos, que o noso proxecto remate aquí. O Son do Pazo volverá en 2021 e farao con máis forza ca nunca. O traballo realizado nos últimos meses non caerá en saco roto e servirá para que a próxima edición sexa un enorme éxito. Os artistas que ían actuar este ano comprenderon perfectamente a situación e comprometéronse a formar parte do cartel do ano que vén. E sabedes que? Vai ser un cartelazo!

Queremos pedir desculpas e reiterar o noso agradecemento a artistas, técnicos, patrocinadores, provedores e institucións que cada ano colaboran connosco. Pola súa paciencia e a súa empatía. Porque souberon entender que para nós non era unha situación fácil e lonxe de meternos présa ou protestar polas nosas dúbidas, estiveron sempre ao noso carón, dándonos ánimos e tratando de facilitarnos o traballo. Aínda que sexa só por esta xente, agora temos a obriga de converter O Son do Pazo 2021 na mellor edición da historia do Festival.

Viva a nosa música! Viva a cultura de Galicia e de todas as nacións celtas!

Vémonos o 3 e o 4 de setembro de 2021 en Mos, na sexta edición do Festival Intercéltico O Son do Pazo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad