Redacción 20/05/2020

A Federación de Librarías de Galicia emiten un comunicado no que manifestan o seu rexeitamento ás mudanzas feitas pola Xunta na xestión do Fondo Solidario de Libros, cuxo prazo de acceso xa está aberto. Solicitan regresar ao modelo anterior e salientan as graves consecuencias para o sector derivadas da crise sanitaria. Reproducimos a continuación o comunicado íntegro:

 

COMUNICADO DA FEDERACIÓN DE LIBRARÍAS DE GALICIA POLO CAMBIO NA REGULACIÓN DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS 

Desde a Federación de Librarías de Galicia, queremos manifestar o noso profundo malestar polo cambio de criterio da Consellería de Educación, Universidade  e Formación Profesional, na regulación do fondo solidario de libros de texto  e material escolar destinado a educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial  para o curso 2020/2021. 

Desde a Federación de Librarías de Galicia, mantiñamos a esperanza de que se mantivese o procedemento fixado ata a data para a xestión do fondo solidario pero finalmente a Orde que se publica no Diario Oficial de Galicia do 19 de maio, bota por terra esta expectativa, ao facer oficial o novo modelo de adquisición de libros. 

Este ano serán os  propios centros os encargados de xestionar a compra dos libros de texto de terceiro e quinto de primaria que se renovan por primeira vez desde fai seis anos, cando anteriormente eran os pais os que acudían á súa libraría de referencia para a súa adquisición e posterior depósito no centro educativo. En consecuencia, o anterior sistema garantía que moitas librarías, recibisen ou xestionasen pedidos de libros deses niveis escolares. Con este cambio de modelo, as compras realizaranas os centros, que centralizarán a adquisición nun número moi reducido de entidades, coa consecuente desfeita económica para a rede de librarías galegas. 

A venda do libro escolar, é a campaña máis importante para as librarías,  e este ano era especialmente necesaria ao permanecer pechadas durante dous meses. O noso sector sente claramente prexudicado e enganado. 

Nunhas recentes declaracións, o Presidente da Xunta, brindaba o apoio e respaldo da Administración Autonómica ao pequeno comercio para superar a grave crise que lle afecta como consecuencia do obrigado peche polo estado de alarma, con todo, esta medida foi deseñada e implantada sen contar coas librarías, ata o punto de que a coñecemos pola súa publicación en Diario Oficial de Galicia, e a súa implantación supoñerá un grave prexuízo para ese pequeno comercio que presumiblemente se quería protexer.  

O anterior modelo, creado tras a escoita e participación de todos os axentes implicados, lamentablemente, non se modificou de forma consensuada como se fixo anteriormente. Este sistema entendemos que non ten ningunha mellora adicional sobre o anterior que xustifique o claro prexuízo económico que xerará ás librarías de Galicia, que agradeceriamos non abstractas declaracións de apoio, senón feitos concretos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad