Hoxe comezaron as saídas do programa diúrno da iniciativa de termalismo social da Deputación de Pontevedra que beneficia este ano a 4.500 veciñ@s da provincia
Un total de 462 persoas de idade avanzada da provincia gozarán ata o 15 de novembro do programa “Depotermal”, organizado pola Deputación de Pontevedra, con estadías en sete complexos hoteleiros e de ocio da provincia. Tres destes establecementos, o Hotel Talaso, o Hotel Carlos I e o Hotel Novo Astur, pertencen ó concello de Sanxenxo. Os outros destinos son o Hotel Louxo La Toja, O Balneario de Cuntis, o Hotel de Mondariz e as Termas de Cuntis, sendo este último o fixado para as estadías diúrnas.
Deste xeito, o domingo comezaron as estadías con pernoita de seis grupos repartidos en: 109 rumbo ó Hotel Talaso de Sanxenxo, 38 para o Hotel Novo Astur, 46 para o Balneario de Cuntis, 30 destino o Hotel Louxo La Toja, 89 persoas gozarán do Hotel Carlos I de Sanxenxo, e outras 118 terán como destino o Hotel Mondariz. Así, un total de 430 persoas desfrutarán do programa con pernoita entre o domingo 10 e o venres 15.
No que atinxe ás saídas diúrnas, haberá 32 persoas repartidas en catro grupos que se desprazarán ó Hotel Balneario Termas de Cuntis dende hoxe e ata o venres 15. Máis polo miúdo, 18 inscritos partirán cada tarde dende Vilanova de Arousa, 6 dende Vilagarcía de Arousa, 5 dende Catoira e 3 dende a Illa de Arousa.
O programa de termalismo e saúde da Deputación está dirixido a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1969 e ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia, así como impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado de ánimo, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. “Depotermal” permite tamén dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando así a demanda.
Este ano, un total de 4.419 persoas vanse beneficiar do programa termal, das que 1.186 o farán en asistencia diúrna (durante cinco días consecutivos) e 3.233 persoas con pernoita (cunha estadía de 6 días e 5 noites).

