Redacción 07/01/2019

Neste Campionato de España de Selecciones Autonómicas de balonmán tamén se clasificaron en quinto lugar as seleccións infantís, en sexta posición a xuvenil feminina, e a masculina sétima

 

 

Dúas medallas galegas no Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se celebrou do 2 ao 7 de xaneiro en Valladolid. Hoxe a selección galega cadete masculina logrou o bronce despois de vencer a Euskadi, mentres que o combinado cadete feminino foi prata, tras perder na final contra Cataluña.

Ademais hai que destacar os quintos postos das seleccións infantís, a sexta posición da selección xuvenil feminina e a sétima da selección xuvenil masculina.

 

Final – Campionato de España cadete feminino. Cataluña, 38 – Galicia, 24

A selección galega cadete feminina pouco puido facer na final do Campionato de España fronte á potente selección catalá. O combinado galego tratou de ti a ti á Cataluña durante case toda a primeira metade, pero despois afundiuse no aspecto físico. A primeira parte estivo moi igualada, cunha selección galega moi traballadora en defensa e paciente en ataque, buscando a mellor selección no tiro. Ademais, na portería Marián Mera seguía sendo das mellores, para axudar ás súas compañeiras cando non podía frear a maior corpulencia física das rivais. Así, a primeira parte discorreu con empates constantes no marcador, ata o minuto 28. Neses dous minutos, Cataluña aproveitou un par de perdas de balón en ataque das nosas, para conseguir goles sinxelos en rápidos contragolpes. E así, en nada, lograron irse ao descanso con catro tantos de vantaxe (18-14).

A segunda metade nada tivo que ver coa primeira, nin coa actuación da selección galega durante todo o campionato. As galegas acusaron o seu esforzo físico do día anterior en semifinais e nun puideron en ningún caso contrarrestar o veloz xogo da selección catalá, que moi pronto se marchou no marcador. Os últimos vinte minutos de partido sobraron, xa que o choque estaba completamente decidido e Galicia sufriu en exceso.

Galicia, 24: Marián Mera, Alba Afonso (1), Anastasija Doder (1), Verónica de Cristófaro (1), María Currás (2), Sabela Miniño (3), Carla Baltasar, Ithaisa Trigo (3), Area Martínez (2), Marta da Silva (2), Antía Estévez, Sara Román (1), Laura Magdaleno (3), Yaiza Alonso (4), Lorena Vaello (1) e Helena Sánchez.

Galicia, prata no Campionato de España

 

Loita polo bronce – Campionato de España cadete masculino. Galicia, 36 – Euskadi, 31

Galicia cadete masculina acadou a medalla de bronce tras superar a Euskadi nun partido que dominou dende o primeiro minuto, aínda que cando tivo que sufrir, tamén soubo facelo.
O equipo dirixido por Xosé Canedo e Pablo Pérez comezou de forma excepcional sen dar a máis mínima opción a Euskadi, que parecía moi pequeno ante a enorme superioridade de Galicia. Así, os galegos chegaron a ter nove goles de vantaxe (18-9, min. 23). Pero nos últimos minutos da primeira metade, Euskadi reaccionou e recortou a distancia para irse ao descanso só 4 goles abaixo (21-17).

Na reanudación, os vascos seguían moi enchufados e Galicia sufría, polo que no minuto 40 chegou o empate no marcador (24-24). Foron minutos moi igualados, nos que os nosos rapaces souberon sufrir, ata que unha superioridade numérica no minuto 44 foi moi ben aproveitada polos galegos, que lograron marcharse de 4 no marcador (30-26). A partir de aí, tocou loitar cada balón, para frear os intentos de Euskadi de volver a igualar o choque, algo que xa non foi posible grazas ao traballo dos nosos.
Merecido bronce para Galicia tras levantarse do duro mazazo de onte na semifinal. Grandes!

Galicia, 36: José Cerqueiro, Carlos Álvarez (13), Roi Gallego (4), Mario Cancela (6), Marco García, Iago Costas (3), Esteban Carballido (2), Rubén Sequeiros, Sergio Blond (1), Alejandro López (1), David Álvarez, Henrique Gabriel, Lois García, Diego Fernández, Román Arboleya (2) e Daniel Virulegio (4).

Galicia, bronce.

 

Loita pola 5ª posición – Campionato de España infantil feminino. Galicia, 30 – Canarias, 23

As minigalaicas venceron na súa “final” e acadaron así un máis que merecido quinto posto no Campionato de España. Despois de caer nos cuartos de final, o grupo de Laura del Castillo e Yolanda Correa decidiu partir de cero e enfrontar a loita pola quinta posición, como se fose unha final. E con esa seriedade emprenderon os últimos días de competición e así venceron. No partido de hoxe, despois dunha boa saída de Canarias, Galicia logrou facerse co control do xogo e do marcador. No minuto 8, lograron o empate (5-5) e despois dun minutos moi igualadas, puideron poñerse por diante a partir da metade da primeira metade.

Na segunda parte, Galicia foi moi superior cun traballo extraordinario a nivel defensivo.

Galicia, 30: Paula Comendador, Carmela Fontoira (1), Lucía Álvarez (2), Cristina González, Uxía Campos (1), Lucía Villamarín (5), Eva Rodríguez (1), Carla Vidal, Aroa Fernández (3), Blanca Rial (1), Sandra Alperi, Lucía Méndez (2), Itziar Molinos (4), Nerea Patiño (6), Nerea Arias (3) e Nuria López (1).

Galicia, quinta no Campionato de España

 

Loita pola 5ª posición – Campionato de España infantil masculino. Galicia, 25 – Navarra, 23

A selección galega infantil masculina logrou a quinta posición tras superar a Navarra nun partido moi competido, no que nunca se deu por vencida a pesar de ir por baixo no marcador durante boa parte do choque. Aos galegos costoulles moito entrar no xogo. De entrada, os navarros foron por diante no marcador durante toda a primeira metade. A distancia máxima que lograron foi de 4 goles (5-9, minuto 13), pero antes do descanso, Galicia foi quen de axustar a súa defensa e logrou recortar distancias antes de coller o camiño dos vestiarios (11-13).

A segunda parte comezou coa mesma dinámica e os navarros volveron a acadar 4 goles de vantaxe (15-19, min. 15), pero a partir de aí os galegos tiraron de orgullo, traballaron arreo e lograron remontar o partido e acadar así a quinta posición no Campionato de España. Carlos Menduíña foi o máximo goleador do conxunto galego.

Galicia; 25: Hugo Pérez, Adrián Pérez del Río (1), Eduardo Alonso (2), Marcelo Gil (3), Miguel López, Senén Garea, Roberto Castro (4), Alexandre Gallego, Adrián Carrera (1), Ismael Fernández, Mateo Pallas, Martín Santos (2), Nuno Loxo (5), Pablo Fernández, Carlos Menduiña (7) e Anxo Fernández.

A selección galega infantil masculina, quinta no Campionato de España

 

Loita pola 5ª posición – Campionato de España xuvenil feminino. Galicia, 31 – Madrid, 36

Partido moi complicado para a selección galega xuvenil feminina, que non puido esquecerse de todo o que rodeaba o encontro para centrarse exclusivamente no xogo. Así, Madrid gañou e Galicia rematou na sexta posición. No aspecto anímico foi un reto difícil de afrontar para o noso equipo. Moitas das nosas xogadoras pechan un ciclo vestindo a elástica galega e iso apreciouse nas imprecisións no xogo colectivo, tanto en ataque como en defensa. Galicia foi sempre por detrás no marcador, aínda que o certo é que as distancias eran mínimas. Ao descanso estaban tres goles abaixo (15-18).

Durante a segunda metade as rapazas de Miguel Sánchez e Laura Rúa lograron poñerse a só un tanto nun par de ocasións, pero non lograron empatar e nos minutos finais, Madrid ampliou as distancias.

Galicia, 31: Uxía Ferreiro, Andrea Fernández (1), Sandra Blanco (3), Patricia Mallo (3), Adriana Mallo (2), Aitana Santomé (2), Silvia Leiras (1), Sarai Espiñeira (8), Sandra Sánchez (6), Estela López, Lidia Portela, Ángela Rodríguez (1), Carme Castro (1), Claudia Kaulback, e Marta Martínez (3).

A selección galega xuvenil feminina, sexta clasificada.

 

Loita pola 7ª posición – Campionato de España xuvenil masculino. Galicia, 34 – Euskadi, 28

A selección galega xuvenil masculina acadou a sétima posición no Campionato de España, despois de superar a unha selección vasca, que aguantou o empuxe dos galegos durante 30 minutos. O partido comezou moi igualado e así discorreu nos primeiros 20 minutos, con vantaxes mínimas dun gol e empates continuos no marcador (12-12, min. 20). A partir de ahí, Galicia logrou dous tantos a favor, pero chegaron ao descanso vencendo pola mínima (16-15).

Tras saír do vestiario, o equipo dirixido por Javi Díaz e Dani Benaches saíu moi enchufado e logrou romper o partido, chegando a alcanzar unha renda máxima de 10 tantos (32-22, min. 54). Nos minutos finais, Galicia xa puido xogar máis relaxada e Euskadi logrou maquillar un pouco o resultado. Destacaron Gonzalo e Cristian Remeseiro na faceta ofensiva.

Galicia, 34: Víctor Doval, Mario Chan (2), Víctor Fernández (1), Eduardo José Cousillas (6), Javier Iglesias (3), Xurxo Rivas, Gonzalo Domínguez (6), Juan Enrique Lago, Juan Bas (3), Brais González, Cristian Remeseiro (7), Pablo González, Samuel Barciela (1), Óscar Otero (2), Jacobo Río (1) e Rubén Fernández (2). 

Galicia xuvenil masculino, sétima clasificada.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad